Saltar navegación

Primeiros pasos en eXeLearning

Unha vez que coñecemos que son os REA e en que medida poden beneficiarnos na nosa práctica na aula, imos coñecer a ferramenta idónea para crealos: eXeLearning. Ao longo deste apartado imos coñecer as características xerais da ferramenta e as súas funcionalidades básicas.

Por que eXeLearning?

eXeLearning promove a creación e difusión de recursos educativos abertos posto que, ao ser libre, gratuíto e multiplataforma, permite que calquera persoa usuaria poida acceder á ferramenta, e poida crear, modificar e redistribuír contidos creados coa mesma, fomentando o coñecemento compartido. Promove por tanto a Educación Aberta e o software libre.

A continuación presentamos algunhas razóns para usar eXeLearning:

Infografía razóns para usar eXe
CEDEC. 10 razóns para usar eXeLearning na creación de recursos educativos (CC BY-SA)


10 razóns para usar eXeLearning na creación de recursos educativos.

  1. eXeLearning é un proxecto de software libre que está coordinado e impulsado pola Administración, o que supón un forte respaldo á ferramenta.
  2. É unha ferramenta libre, gratuíta e de código aberto, polo que calquera persoa usuaria pode utilizala,  estudar e modificar o seu código, e mesmo facer achegas ao seu desenvolvemento.
  3. eXeLearning permíteche crear materiais e mantelos no teu poder, independentemente de que decidas publicalos nunha ou outra plataforma online. Todos perdemos materiais creados con distintas ferramentas online que desapareceron por distintas cuestións, e xunto a elas, o noso traballo. Con eXeLearning poderás subir os contidos á Rede pero manterás o orixinal no teu poder, para podelo difundir e publicar onde e cando queiras.
  4. Ao ser multiplataforma, podes traballar en calquera sistema operativo, e os contidos xerados veranse correctamente en calquera dispositivo (computador de sobremesa, portátil, tableta ou móbil), xa que os materiais creados con eXeLearning son de deseño responsive.
  5. Pódense incorporar distintos tipos de contidos de forma fácil: imaxes, vídeos, audios e mesmo materiais creados con outras aplicacións (GeoGebra, SlideShare, H5P, Genially…). Ademais, presenta unha ampla variedade de actividades interactivas. Tamén podes elixir o estilo con que se presentan os materiais ou crear o teu propio deseño dunha maneira realmente sinxela, e incluír facilmente efectos atractivos como acordeóns ou lapelas.
  6. eXeLearning facilita a creación de contidos accesibles, permitindo seleccionar o formato axeitado (distintos niveis de encabezamentos, listas, citas, definicións…) así como a inserción de información sobre os contidos (pés de foto, recoñecementos de autoría, licenzas, títulos das ligazóns etc.).
  7. Podes exportar os contidos en diferentes formatos estándar como HTML, ePub3 ou XLIFF (utilizado para facer traducións), así como nos estándares educativos SCORM ou IMS para traballar con plataformas como Moodle. Esta variedade de posibilidades de exportación permitirache gardar e visualizar o contido no teu computador ou nun pendrive, envialo por correo electrónico ou publicalo online en distintos espazos web, plataformas, LMS e repositorios.
  8. Permite a incorporación de metadatos (nos estándares LOM, LOM-es e Dublin Core) para catalogar os contidos e publicalos en repositorios de recursos educativos como o Repositorio de contidos educativos ou  Procomún.
  9. A activa comunidade de eXeLearning ofrece apoio e soporte ás persoas usuarias, especialmente a través da comunidade de persoas usuarias de eXeLearning en Telegram. Tamén se pode consultar a sección de Preguntas frecuentes da web de eXeLearning.
  10. Grazas ás achegas, avisos de erros e suxestións das persoas usuarias, eXeLearning está en continua mellora, e incorpora periodicamente novos desenvolvementos, tanto propios como doutras institucións e persoas que voluntariamente colaboran co proxecto. O código fonte está dispoñible en GitHub, onde se pode facer un seguimento da evolución do proxecto.

Agora xa está implementado en todas as aulas virtuais dos centros educativos o plugin de eXe online, que permite a creación e edición en liña, sen necesidade de instalación no propio equipo. Ademais, estase a desenvolver a vindeira versión 3.0 con novas funcionalidades (como a edición colaborativa síncrona) e unha interface con características avanzadas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)