Neste apartado recollemos unha listaxe de erros típicos ao traballar coas funcionalidades de eXeLearning vistas até o momento:
- Non gardar pensando que se garda automaticamente.
- Copiar textos con formato doutro lugar e pegalos en eXeLearning. Esta acción pode arrastrar moito código que pode dar problemas. Por iso é recomendable empregar a opción "Pegar sen formato".

- Non encher o texto alternativo das imaxes que inserimos. Debemos encher o campo "Descrición da imaxe", incluíndo nel unha descrición curta (e real) da imaxe que inserimos. Se non o introducimos xeraremos problemas de accesibilidade.

- Non encher o Título e atribución das imaxes ou contido multimedia que inserimos ou embebemos. Sempre que utilicemos materiais alleos debemos referencialos e atribuír á súa autora ou ao seu autor, indicando a licenza dos mesmos. Lembremos que o fin dos REA é que sexan utilizados, difundidos e adaptados por outras persoas, polo que é recomendable que todos os elementos estean debidamente referenciados, mesmo se eu son a persoa autora.

- Non encher o Título nas ligazóns. De novo estaremos a crear problemas de accesibilidade se non indicamos neste campo que vai ocorrer ao premer nesa ligazón, é dicir, a onde se dirixe e se se vai abrir nunha xanela nova. Se a ligazón contén un texto, e o texto explica suficientemente ben o destino da ligazón, non hai problema, pero debemos evitar ligazóns do tipo "preme aquí" para evitar problemas de accesibilidade.

- Non encher todos os datos básicos de Propiedades, o que dificulta a súa catalogación e pode provocar erros ao publicar o recurso en repositorios. Isto é importante, porque se non enchemos eses datos, estamos a crear un contido sen título, autoría, descrición...
