Situacións de aprendizaxe
Unha situación de aprendizaxe, referenciada tamén neste material como SA, é unha planificación de actividades secuenciadas arredor dun problema real que o alumnado debe resolver.
A situacións de aprendizaxe deben contextualizarse de xeito correcto, atendendo ás experiencias previas do alumnado e as súas diferentes formas de comprender a realidade. Nesta liña formularán un reto real nun contexto próximo ao alumnado, cun título motivador e cunha secuencia lóxica que permita o avance cognitivo e competencial ata acadar a solución final.
As situacións de aprendizaxe teñen a súa orixe nas correntes pedagóxicas que buscan superar os enfoques mais tradicionais de ensino baseados na transmisión pasiva de coñecementos. Estas correntes subliñan a importancia de que o alumnado participe activamente no seu propio proceso de aprendizaxe.