Saltar navegación

Competencias clave

Competencias clave: o obxectivo das situacións de aprendizaxe

As situacións de aprendizaxe poder ser unha das formas idóneas para que o alumnado acade as competencias clave, pero convén recordar que son e como se mostran no currículo.

As competencias clave son os desempeños que se consideran imprescindibles para que o alumnado poida progresar con garantías de éxito no seu itinerario formativo e afrontar os principais retos e desafíos globais e locais.

Son a adaptación ao sistema educativo das competencias clave establecidas na Recomendación do Consello da Unión Europea do 22 de maio de 2018, relativa ás competencias clave para a aprendizaxe permanente, e aparecen recollidas no perfil de saída do alumnado ao remate do ensino básico. Así mesmo, eses desempeños evidéncianse nas capacidades para aplicar de forma integrada os contidos propios de cada ensinanza e etapa educativa, co fin de lograr a realización axeitada de actividades e a resolución eficaz de problemas complexos.

O perfil de saída é a concreción dos principios e fins do sistema educativo referidos á educación básica que fundamenta o resto de decisións curriculares, así como as estratexias e orientacións metodolóxicas na práctica lectiva.

O deseño das situacións de aprendizaxe ten que ir vencellado á consecución das competencias clave, polo que é primordial ter claro as competencias clave que se traballarán na situación de aprendizaxe, que se avaliarán a través dos criterios de avaliación relacionados.

Imagen decorativa de conexións do cerebro
Openclipart (CC0)



Competencias clave e perfís de saída

Con carácter xeral, debe entenderse que a consecución das competencias e os obxectivos previstos na LOMLOE para as distintas etapas educativas está vinculada á adquisición e ao desenvolvemento das competencias clave recollidas no perfil de saída.

A transversalidade é unha condición inherente ao perfil de saída, no sentido de que todas as aprendizaxes contribúen á súa consecución. Da mesma maneira, a adquisición de cada unha das competencias clave contribúe á adquisición de todas as demais. Non existe xerarquía entre elas, nin pode establecerse unha correspondencia exclusiva cunha única área, ámbito ou materia, senón que todas se concretan nas aprendizaxes das distintas áreas, ámbitos ou materias e, á súa vez, se adquiren e desenvolven a partir das aprendizaxes que se producen no conxunto delas.

A adaptación ao sistema educativo galego das competencias clave, así como a concreción dos descritores operativos para cada unha delas no ensino obrigatorio, recóllese no DECRETO 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia e no DECRETO 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

CCL: competencia en comunicación lingüística

A competencia en comunicación lingüística supón interactuar de forma oral, escrita, signada ou multimodal de maneira coherente e adecuada en diferentes ámbitos e contextos e con diferentes propósitos comunicativos. Implica mobilizar, de maneira consciente, o conxunto de coñecementos, destrezas e actitudes que permiten comprender, interpretar e valorar criticamente mensaxes orais, escritas, signadas ou multimodais evitando os riscos de manipulación e desinformación, así como comunicarse eficazmente con outras persoas de maneira cooperativa, creativa, ética e respectuosa.

A competencia en comunicación lingüística constitúe a base para o pensamento propio e para a construción do coñecemento en todos os ámbitos do saber. Por iso o seu desenvolvemento está vinculado á reflexión explícita sobre o funcionamento da lingua nos xéneros discursivos específicos de cada área de coñecemento, así como aos usos da oralidade, a escritura ou a signación para pensar e para aprender. Por último, fai posible apreciar a dimensión estética da linguaxe e gozar da cultura literaria.

CCL

CP: competencia plurilingüe

A competencia plurilingüe implica utilizar distintas linguas, orais ou signadas, de forma apropiada e eficaz, para a aprendizaxe e a comunicación. Esta competencia supón recoñecer e respectar os perfís lingüísticos individuais e aproveitar as experiencias propias para desenvolver estratexias que permitan mediar e facer transferencias entre linguas, incluídas as clásicas, e, de ser o caso, manter e adquirir destrezas na lingua ou linguas familiares e nas linguas oficiais. Integra, así mesmo, dimensións históricas e interculturais orientadas a coñecer, valorar e respectar a diversidade lingüística e cultural da sociedade co obxectivo de fomentar a convivencia democrática.

CP

STEM: competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría

A competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría (competencia STEM, polas súas siglas en inglés) entraña a comprensión do mundo utilizando os métodos científicos, o pensamento e representación matemáticos, a tecnoloxía e os métodos da enxeñaría para transformar a contorna de forma comprometida, responsable e sustentable.

A competencia matemática permite desenvolver e aplicar a perspectiva e o razoamento matemáticos co fin de resolver diversos problemas en diferentes contextos.

A competencia en ciencia supón a comprensión e explicación da contorna natural e social, utilizando un conxunto de coñecementos e metodoloxías, incluídas a observación e a experimentación, co fin de formular preguntas e extraer conclusións baseadas en probas para poder interpretar e transformar o mundo natural e o contexto social.

A competencia en tecnoloxía e enxeñaría comprende a aplicación dos coñecementos e metodoloxías propios das ciencias para transformar a nosa sociedade de acordo coas necesidades ou desexos das persoas nun marco de seguridade, responsabilidade e sostibilidade.

STEM

CD: competencia dixital

A competencia dixital implica o uso seguro, saudable, sostible, crítico e responsable das tecnoloxías dixitais para a aprendizaxe, para o traballo e para a participación na sociedade, así como a interacción con estas.

Inclúe a alfabetización en información e datos, a comunicación e a colaboración, a educación mediática, a creación de contidos dixitais (incluída a programación), a seguridade (incluído o benestar dixital e as competencias relacionadas coa ciberseguridade), asuntos relacionados coa cidadanía dixital, a privacidade, a propiedade intelectual, a resolución de problemas e o pensamento computacional e crítico.

CD

CPSAA: competencia persoal, social e de aprender a aprender

A competencia persoal, social e de aprender a aprender implica a capacidade de reflexionar sobre un mesmo para autocoñecerse, aceptarse e promover un crecemento persoal constante; xestionar o tempo e a información eficazmente, colaborar con outros de forma construtiva, manter a resiliencia e xestionar a aprendizaxe ao longo da vida. Inclúe tamén a capacidade de lle facer fronte á incerteza e á complexidade, de adaptarse aos cambios, de aprender a xestionar os procesos metacognitivos, de identificar condutas contrarias á convivencia e desenvolver estratexias para abordalas, contribuír ao benestar físico, mental e emocional propio e das demais persoas, desenvolvendo habilidades para coidarse a si mesmo e a quen o rodea a través da corresponsabilidade; ser capaz de levar unha vida orientada ao futuro, así como expresar empatía e abordar os conflitos nun contexto integrador e de apoio.

CPSAA

CC: competencia cidadá

A competencia cidadá contribúe a que alumnas e alumnos poidan exercer unha cidadanía responsable e participar plenamente na vida social e cívica, baseándose na comprensión dos conceptos e nas estruturas sociais, económicas, xurídicas e políticas, así como no coñecemento dos acontecementos mundiais e no compromiso activo coa sostibilidade e co logro dunha cidadanía mundial. Inclúe a alfabetización cívica, a adopción consciente dos valores propios dunha cultura democrática fundada no respecto aos dereitos humanos, a reflexión crítica sobre os grandes problemas éticos do noso tempo e o desenvolvemento dun estilo de vida sustentable acorde cos obxectivos de desenvolvemento sustentable expostos na Axenda 2030.

CC

CE: competencia emprendedora

A competencia emprendedora implica desenvolver un enfoque vital dirixido a actuar sobre oportunidades e ideas, utilizando os coñecementos específicos necesarios para xerar resultados de valor para outras persoas. Achega estratexias que permiten adaptar a mirada para detectar necesidades e oportunidades, adestrar o pensamento para analizar e avaliar a contorna, e para crear e reformular ideas utilizando a imaxinación, a creatividade, o pensamento estratéxico e a reflexión ética, crítica e construtiva dentro dos procesos creativos e de innovación; e espertar a disposición para aprender a arriscar e a afrontar a incerteza. Así mesmo, implica tomar decisións baseadas na información e no coñecemento e colaborar de maneira áxil con outras persoas, con motivación, empatía e habilidades de comunicación e de negociación, para levar as ideas expostas á acción mediante a planificación e xestión de proxectos sustentables de valor social, cultural e económico-financeiro.

CE

CCEC: competencia en conciencia e expresión culturais

A competencia en conciencia e expresión culturais supón comprender e respectar o modo en que as ideas, as opinións, os sentimentos e as emocións se expresan e se comunican de forma creativa en distintas culturas e por medio dunha ampla gama de manifestacións artísticas e culturais. Implica tamén un compromiso coa comprensión, o desenvolvemento e a expresión das ideas propias e do sentido do lugar que se ocupa ou do papel que se desempeña na sociedade. Así mesmo, require a comprensión da propia identidade en evolución e do patrimonio cultural nun mundo caracterizado pola diversidade, así como a toma de conciencia de que a arte e outras manifestacións culturais poden supoñer unha maneira de mirar o mundo e de darlle forma.

CCEC

Feito con eXeLearning (Nova xanela)