Saltar navegación

A avaliación na situación de aprendizaxe

Avaliación dunha SA no proxecto cREAgal

A avaliación das situacións de aprendizaxe non se pode abordar do mesmo xeito que cos métodos tradicionais de aprendizaxe, xa que precisan de instrumentos diferentes e variados para recoller a información sobre a que profesorado e alumnado reflexionan e toman decisións para mellorar as súas estratexias de ensino e aprendizaxe.

Este proceso de avaliación debe ser mais enriquecedor que unha mera cualificación. A información dunha avaliación reflexiva é crucial para conseguir unha aprendizaxe significativa e a adquisición das competencias clave. Podemos enriquecer este proceso incluíndo instrumentos de avaliación variados para os diferentes procesos da SA e procedementos.

Instrumentos de avaliación

É importante decidir os instrumentos que utilizaremos na SA, posto que dependendo do proceso e produto que decidamos avaliar, uns instrumentos adaptaranse mellor a ese fin. As rúbricas, porfolios, a dianas de avaliación e outros instrumentos axudarán a mostrar información completa de como vai o proceso de aprendizaxe, tanto ao profesorado como ao alumnado, de xeito que teñamos unha avaliación formativa e que poden combinarse facilmente con instrumentos de avaliación máis clásicos.

Por outra banda, no proxecto CREAgal, tódalas fases da SA van acompañadas dunha entrada nun diario de aprendizaxe, que será un instrumento moi potente para que o alumnado reflexione sobre a súa aprendizaxe e poida identificar as dificultades e éxitos conseguidos no proceso.

Os procedementos de avaliación

Ademais dos instrumentos, é crucial decidir os procedementos de como levar a cabo a recollida de información e a que elementos do proceso da SA. Por exemplo:

  • A observación da SA na aula pode darnos moita información sobre o proceso.
  • A avaliación (auto-, co- ou heteroavaliación) dos produtos xerados polo alumnado proporcionará información importante sobre as aprendizaxes adquiridas.
  • As exposicións dos produtos, acompañados por auto ou coavaliacións son procedementos moi enriquecedores e que poderán servir para avaliar a adquisición de competencias clave.

Por tanto, elixir tanto os procesos como os instrumentos de avaliación que se utilizarán na SA é unha decisión moi importante no deseño desta; cun traballo cooperativo do grupo de persoas elaboradoras pode facilitarse esta labor.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)