Dentro das actividades do Plan Proxecta Donas de si, tivemos a sorte de recibir na nosa biblioteca unha actividade moi especial dedicada ás “Cantareiras”, mulleres que desempeñaron un papel fundamental na conservación e transmisión da nosa cultura popular.
A través da narración, da música e da palabra, o alumnado achegouse ao legado destas mulleres que, xeración tras xeración, mantiveron vivas as cantigas, os romances, os xogos cantados e moitas das tradicións que forman parte da nosa identidade como pobo. Foi unha oportunidade para descubrir a importancia das súas achegas e para comprender o valor da tradición oral como patrimonio cultural colectivo.
Esta actividade enmárcase nos obxectivos do programa Donas de si, que busca visibilizar e poñer en valor a contribución das mulleres ao desenvolvemento da sociedade galega, axudando ao alumnado a coñecer referentes femininos que, en moitas ocasións, non recibiron o recoñecemento que merecían.
Ao longo da sesión, os nenos e nenas participaron activamente, escoitando historias, descubrindo cantigas tradicionais e reflexionando sobre o papel das mulleres na transmisión da cultura popular.
