Durante o mes de decembro, a nosa biblioteca encheuse de ilusión, aprendizaxe e maxia coas actividades de Nadal preparadas para o alumnado.
Comezamos cun momento moi especial: a lectura do conto Diferentes diferencias, compartida por unha das nosas familias colaboradoras. Foi unha actividade moi emotiva na que reflexionamos sobre o valor da diversidade, o respecto e a importancia de aceptar e celebrar aquilo que nos fai únicos. Agradecemos a participación da familia de María.
Desde as distintas escolas, dentro do proxecto De feira en feira, estívose profundizando na figura do Apalpador, a través de diferentes actividades como a lectura de contos, a construción de xoguetes de madeira, elaboración de bases sensoriais ou a creación de adornos naturais para as nosas árbores.
Tamén tivemos a sorte de contar coa colaboración da Escola de Xanxa, que nos achegou á tradición galega a través da elaboración do conto dos Trubincos, uns personaxes lexendarios propios do Nadal en Galicia.
E, como non podía ser doutro xeito nestas datas tan sinaladas, recibimos a visita de Papá Noel, que trouxo sorrisos, emoción e moita ledicia entre os máis pequenos e pequenas. Foi unha xornada inesquecible chea de nervios, ilusión e caras felices.
