Na BiblioteCRA tamén celebramos o Magosto, unha das festas máis tradicionais do noso outono, cunha xornada chea de contos, música e creatividade.
Comezamos a actividade cun contacontos moi especial do libro Sopa de cabaza da autora Helen Cooper. Esta fermosa historia cóntanos as aventuras de tres amigos que preparan cada día unha deliciosa sopa de cabaza e que aprenden o importante que é colaborar e entenderse para manter a amizade.
A celebración continuou coa visita de Emilio, que nos presentou un montón de instrumentos tradicionais. Grazas a él, puidemos escoitar diferentes sons e coñecer mellor instrumentos da nosa música popular. Esta actividade conectou directamente co noso proxecto De feira en feira, xa que nas feiras tradicionais sempre estiveron presentes os músicos e os sons da nosa cultura.
Ademais, o alumnado participou en diferentes propostas creativas relacionadas co Samaín. Entre elas, construímos un carrizo, un instrumento tradicional moi curioso que nos permitiu experimentar e descubrir como se poden crear instrumentos con materiais sinxelos. Tamén realizamos diversas manualidades inspiradas nesta festa, enchendo a biblioteca de cabazas, cores de outono e moita imaxinación.
Foi unha xornada moi completa!
