Na Escola de Forno puxemos en marcha unha nova aventura dentro do proxecto Feira en feira, unha proposta para descubrir e poñer en valor a riqueza cultural, os oficios e os saberes tradicionais da nosa terra.
A través da investigación e da experiencia directa, os nenos e nenas foron achegándose a diferentes oficios artesáns que forman parte do noso patrimonio: oleiros, cesteiros, redeiras... Descubriron como traballan, que materiais empregan e como estes coñecementos se foron transmitindo de xeración en xeración.
A partir do investigado, observado e experimentado, chegou o momento de dar un paso máis, crear a nosa propia feira!
Os nenos e nenas puxéronse mans á obra para preparar artesanía para as súas familias. Un espazo no que compartir os seus descubrimentos, mostrar as creacións realizadas ao longo do proxecto.
Unha feira feita con moita ilusión e aprendizaxes, na que cada peza, cada oficio e cada experiencia nos achegou un pouco máis á riqueza cultural da nosa terra.
