Na escola de Xanza, a partir do proxecto de centro Feira en feira, iniciamos un apaixonante percorrido arredor do Entroido tradicional galego e das súas personaxes. Ao longo do segundo trimestre e parte do terceiro, o alumnado mergullouse nun proceso de investigación, creación e experimentación.
Todo comezou coa investigación das distintas personaxes do Entroido galego: a súa orixe, as súas características, a indumentaria, os elementos que as identifican e o papel que desempeñan nas diferentes celebracións. A través da observación, da lectura, do diálogo e da procura de información, fomos coñecendo a diversidade e o valor deste patrimonio cultural tan noso.
A medida que avanzaba o proxecto, a investigación deu paso á creación. A través de distintos talleres creativos, o alumnado explorou as posibilidades dos materiais non estruturados para deseñar e construír as súas propias personaxes. Cartón, tubos, teas, madeiras, pezas recicladas e outros materiais convertéronse en recursos para crear figuras únicas, cheas de imaxinación e personalidade, nas que cada nena e cada neno deixou a súa pegada.
Pero o proxecto non rematou na creación artística. As personaxes serviron tamén como punto de partida para traballar a expresión escrita, elaborando textos descritivos nos que o alumnado tivo que observar con atención as súas creacións, describir o seu aspecto, explicar como eran, que facían e que as facía especiais. Deste xeito, a lingua integrouse de forma natural dentro do proceso creativo, dando significado ás aprendizaxes.
A innovación chegou da man da tecnoloxía. Grazas aos dispositivos Makey Makey, as personaxes cobraron vida: aprenderon a falar, a contar a súa historia e a presentar as súas características ao resto dos compañeiros e compañeiras.
Este proxecto desenvolveuse no marco do Programa Innovalab da Consellería, que nos permitiu incorporar recursos tecnolóxicos ao proceso de investigación e creación, favorecendo unha aprendizaxe activa, interdisciplinar e baseada na experimentación.
Foi un proxecto longo e ilusionante, no que arte, cultura, tecnoloxía, investigación e expresión escrita se entrelazaron para dar lugar a unha experiencia única.
