A biblioteca do centro acolleu unha nova sesión de Martes de conto, nesta ocasión coa actividade A galiña dos ovos de conto da man de Pedras de Papel, que nos presentou unha proposta chea de imaxinación, humor e creatividade.
Ao longo da sesión, coñecemos a Galiña dos ovos de conto, unha historia na que foron aparecendo unha serie de personaxes moi especiais que querían coarse no conto de Carapuchiña Vermella, dando lugar a unha actividade divertida, na que o alumnado participou con moita atención.
Despois do contacontos, chegou o momento de poñerse mans á obra nun obradoiro creativo, no que cada nena e cada neno puido elaborar os seus propios personaxes, deixando voar a imaxinación e dando forma ás súas ideas a través da creación plástica.
Queremos agradecer especialmente a Electra, de Pedras de Papel, esta actividade tan coidada, coa que volvemos encher a biblioteca de maxia e de ganas de seguir lendo.
