Nas últimas semanas, dentro do noso PDI De feira en feira, nas distintas escolas do CRA desenvolvemos un fermoso traballo arredor das abellas. A través de propostas, o alumnado foi descubrindo pouco a pouco como viven, como se organizan, cal é o seu papel na polinización e por que é tan importante coidalas e protexelas.
Nas aulas leváronse a cabo actividades moi variadas: observación, investigación, conversas, xogos, propostas plásticas e traballos manipulativos cos que as nenas e os nenos puideron achegarse a estes insectos. Falamos da colmea, da abella raíña, das obreiras e dos abázcaros, dos produtos que elaboran e da relación tan estreita que manteñen coas flores e co medio natural.
Como peche deste traballo, realizamos unha saída a Apípolis, un espazo de educación ambiental dedicado ao universo das abellas e da apicultura. Alí puidemos ampliar todo o aprendido na escola e vivir unha experiencia en contacto directo con estes animais.
Durante a visita, o alumnado participou en distintas actividades e puido coñecer de preto como é a vida nunha colmea, o labor das persoas apicultoras e os produtos que se obteñen grazas ao traballo das abellas.
Este proxecto permitiunos comprender mellor que as abellas son moito máis ca produtoras de mel, son esenciais para os ecosistemas e para a nosa propia alimentación. Achegarnos ao seu mundo axudounos tamén a reflexionar sobre a necesidade de protexer o medio ambiente e de valorar o traballo destes pequenos insectos.
Foi, sen dúbida, unha experiencia moi completa, na que escola e contorno volveron a unirse para construír aprendizaxes significativas.
