Durante o presente curso académico, o alumnado das materias de Tecnoloxía e Dixitalización de 1º e 2º da ESO, xunto co alumnado de Dixitalización de 4º da ESO, continuou a desenvolver e ampliar o proxecto Clics Seguros en Zas, unha iniciativa orientada a promover o uso responsable, seguro e crítico das tecnoloxías dixitais entre a nosa comunidade educativa.
Este proxecto permitiu reforzar accións formativas relacionadas coa seguridade na Rede, a protección de datos persoais, a prevención do ciberacoso e o fomento dunha identidade dixital positiva. Trátase de aprendizaxes que non quedan só na aula, senón que chegan tamén ás familias e á veciñanza, contribuíndo así a paliar a fenda dixital na nosa contorna.
O proxecto Clics Seguros en Zas foi recoñecido recentemente nos I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan as competencias dixitais do alumnado, convocados polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, obtendo o primeiro premio na categoría de elaboración de recursos educativos abertos para alumnado de ESO e destacándose como unha experiencia inspiradora e de referencia a nivel estatal.
Ademais, esta mesma iniciativa xa fora premiada con anterioridade no II Concurso de iniciativas didácticas sobre Tecnoloxía para o Ben Común organizado por Enxeñería Sen Fronteiras (ESF), recoñecendo o seu impacto educativo e o seu compromiso coa inclusión e o uso ético da tecnoloxía.
Como recoñecemento adicional ao traballo realizado, o vindeiro 2 de marzo terá lugar a entrega de premios na sede do Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado (INTEF), un acto que pon en valor o compromiso do Departamento de Tecnoloxía coa educación dixital, a innovación pedagóxica e a integración de toda a sociedade no uso das novas tecnoloxías.
Este logro anímanos a seguir traballando na construción dun espazo dixital máis seguro, responsable e respectuoso para toda a comunidade educativa.