Dende o departamento de Educación Física e dentro do programa Xogade, ao longo do 3º trimestre, o alumnado de ESO desenvolveu a unidade didáctica “Xogando coa auga e o vento”. Esta unidade consta de varias partes:
1. Coñecemento do medio natural -especialmente o mariño-, con actividades e explicacións sobre as mareas (preamar e baixamar, e os seus riscos); as correntes mariñas (recoñecemento e prevención de riscos durante o baño); outros perigos que deben ter en conta (picaduras, protección solar etc.). Toda esta información é importante agora que se achega o tempo de ir á praia e xogar na auga.
2. Concienciación sobre o coidado do medioambiente: limpeza do areal; identificación dos materiais de uso cotián que acaban contaminando e prexudicando o medio natural.
3. Sesión práctica de surf en diferentes modalidade. Sen dúbida a favorita do alumnado, malia ser unha sesión de achegamento coidando que se divertisen sen correr riscos.
O alumnado de 1º e 2º ESO acudiu á sesión práctica o luns 01/062026, mentres que a de 3º e 4º foi o día 02/06/2026. En ambos os dous casos desenvolvéronse entre as 10.00h e 13.30h. Velaquí unha mostra gráfica:
