Manexo do equipo
Procesamento do son.
Preténdese que o profesorado sexa capaz de manexar a nivel básico a mesa de mezclas. Non nos adentraremos en tarefas máis complexas como poden ser engadir efectos ou compresión, ecualizar o son,etc. Simplemente se trata de ser quen de mesturar o son de xeito que o resultado sexa estético.
1. PROCESAMENTO DO SON
Seguindo co exemplo da sesión anterior, neste paso, no que xa temos a auga no depósito, poderiamos, por exemplo clorala e filtrala. Volvendo ao asunto en cuestión trátase de mesturar diversos sons para que a proporción de cada un sexa a axeitada e permita un resultado agradable ao oído.
1.1. Canles.
Cada canle presenta unha serie de mandos. No manual de instrucións (ver enlace máis abaixo) pódese afondar en todas as súas utilidades. De arriba cara abaixo nas canles de 1 a 4 teriamos (ver páxina 60 do manual):
Conector cable xlr, entrada de liña, conector jack, conexión de procesador de efectos, gain, interruptor paso alto, compresor, indicador "peak", ecualizador de agudos, medios e graves, auxiliar, pre, effecto, balance, interruptor acendido (on), pfl e botóns 1-2 e ST, potenciómetro.

As canles de 5 a 12 son estereofónicas e carecen dalgúns dos controis anteriores.
1.2. Funcionamento
De inicio, debemos entender que non se trata de converternos en técnicos de son, polo que o manexo da mesa será a nivel moi básico.
Unha vez que xa realizamos todas as conexións e acendemos os aparellos debemos enviar son ata a mesa usando algún dos periféricos -ordenador, micros,...-.
Despois temos que controlar que o son chegue á mesa ao nivel axeitado, é dicir, nin escaso nin demasiado. Os pasos a seguir son os seguintes:
1.- Axustar a roda "GAIN" de xeito que nos momentos de máximo volume, o nivel de entrada chegue esporadicamente ao "0". Para isto prememos no botón "PFL" e comprobamos o nivel que acada no monitor de "LEVEL".
2.- Acender a canle na que entra son e "envialo" aos altofalantes. Prememos o botón "ON" e o botón "ST" para enviar ese son ao potenciómetro "STEREO" que é o que regula o volume global que vai aos altofalantes.
3.- Regular co potenciómetro de cada canle o seu volume.

4.- Regular co STEREO (potenciómetro vermello) o volume xeral que sae da mesa ata os altofalantes.
Podemos unir varias canles nunha soa se prememos o botón 1-2. O son estaría controlado tamén polo potenciómetro grupo 1 e 2.
Poñamos un exemplo para ver a súa utilidade:
Imaxinemos que estamos gravando un programa de radio. Temos conectados os dous micros inarámicos na canle 1 e outros dous micrófonos nas canles 2 e 3. Por outra banda na canle 9/10 está conectado un mp3 que reproduce unha canción que queremos usar como fondo de como elemento principal entre as diversas conversas. Primeiro axustariamos os niveis de cada canle dos micros (cada inarámico pode regularse independente na base receptora). Despois ligamos cada canle co grupo 1-2. Deste xeito poderiamos subir ou baixar o volume de todos os micros cun único potenciómetro.