Formación
Desenvolvemento
FASE 1: REFLEXIÓN
Sería oportuno comezar cunha pequena reflexión sobre as posibilidades didácticas que ofrece unha radio escolar. As personas interesadas poderiamos comezar por buscar na internet experiencias similares para posuír unhas ideas previas. Posteriormente faríase a chamada tormenta de ideas para, entre todas e todos, concretar aquelas que nos parecen máis interesantes en función dos proxectos e temáticas que se vaian a traballar no centro.
Eu plantexo algunas actividades que implican dalgún xeito a animación á lectura.
Sección de recomendación dun libro: Promovería a lectura desde dúas ópticas, o alumnado creador debería escoller un libro que considere interesante -implica lelo- e crear o programa argumentando as razóns polas que suxiren o dito libro. No caso das persoas oíntes, recibirían unha suxerencia dun igual e con intereses e motivacións probablemente máis achegados que os dunha persoa adulta.
Concursos
- "Rematamos un relato": Poderiamos crear a introdución e o nudo de varios relatos (axeitados a estadio madurativo) que estivesen dispoñibles para todo o alumnado na biblioteca. As nenas e nenos con interese en participar deberían lelo e inventar un final. Os relatos máis creativos serían lidos na radio escolar.
- "Canto sabes dun libro?" Outra posibilidade sería un concurso sobre un libro concreto. Desde a radio faríanse preguntas sobre o mesmo. O alumnado participaría a través dun chat da aula virtual do centro no cal tratarían de ser os primeiros ou primeiras en contestar á pregunta formulada.
Radionovelas: este xénero está en desuso na radio actual (que eu saiba) mais podería ser interesante a lectura dramatizada de obras de teatro escolar ou relatos similares.
Entrevista: o feito de realizar unha entrevista pode implicar un traballo de investigación, e polo tanto lectura, para obter información relevante sobre a persoa entrevistada.
Novas: lectura e difusión de novas que afecten ao alumnado do centro (ampliación de xardíns, columpios novos, actividades do concello, espectáculos,...)
Programas monográficos sobre algún tema proposto polos equipos de dinamización da lingua galega ou de biblioteca.
Porén, a radio escolar permitiría traballar outras áreas como por exemplo a música: creación de música de cabeceira dun programa, ráfagas da propia emisora, escolla de música de fondo para un programa.
FASE 2: ASPECTOS TÉCNICOS
MONTAXE.
Durante esta sesión centrarémonos na montaxe do equipo e dos aparellos periféricos. Para isto facilitaremos ao profesorado unha guía didáctica na que explique de xeito sinxelo as conexións a realizar e a función de cada aparello. Tratarase de potenciar que as compañeiras e compañeiros realicen todas as conexións posteriormente á comprensión do funcionamento de cada aparello. En función do número de mestras e mestres participantes podería ser necesario realizar esta sesión en varios grupos para facilitar que todas as persoas participasen activamente. De ser o caso, implicaría celebrar a actividade en diferentes días ou, preferiblemente, distinto horario na mesma data.
MANEXO.
Estará centrada no manexo básico da mesa de mesturas e na reflexión sobre as posibilidades didácticas do equipo de son. Outro xeito de gravar son é a gravadora de voz. Esta pode ser moi útil en determinadas situacións debido á súa manexabilidade. Inclúese un apartado cun titorial sumamente básico pero operativo para facilitar o seu uso ao profesorado.
Tratarase, por outra banda, de facilitar ao profesorado guías sinxelas de manexo destes aparellos e implicalos activamente no manexo dos mesmos.
EDICIÓN E PUBLICACIÓN.
Deberíase valorar a necesidade de editar o audio dixitalmente con programas informáticos, por exemplo co Audacity. Para facer chegar os programas gravados á comunidade educativa probablemente o xeito idóneo sería colgar os arquivos de audio na páxina web do centro.