Saltar navegación

Xéneros Galegos: os romances

Que son os romances?

Os romances pertencen ao tipo narrativo e adoitan ter ritmo medido. O máis destacado neles é a letra, de xeito que non soen presentar música propia, senón distinta segundo a zona na que se interpretan. As variantes son moi habituais, igual que é corrente atopar diferentes romances interpretados coa mesma música. As recollidas realizadas demostran que non son numerosos os que manteñen música fixa.[1]

As variedades do romance dependen da letra, en canto á rima e métrica, de temática e da música, se ben estes aspectos non se dan por separado.

As melodías vellas poden presentar ámbito estreito ou verbos hexasílabos sobre o esquema catro corcheas dúas negras (como Camiña dos Sancho). No referido á temática atopamos romances vellos (con mencións a cabaleiros, mouras, condes...), novos (temáticas actuais) e infantís. Tamén hai de sucesos, crimes, históricos, picarescas...[2]Outras clasificacións atenden ao seu carácter histórico, de cautivos e forzados, do ciclo carolíngeo, do ciclo bretón e libros de cabalerías, novelescos de asunto internacional, novelescos de asunto peninsular, novelescos de asunto rexional e romances líricos.[3]

No se que refire á estrofa son habituais as estruturas de catro versos hexasílabos ou octosílabos con rima asonante ou consonante entre pares quedando soltos os impares.

E común a ligazón en rima asonante entre os versos pares de todas as estrofas, como no Romance de Doña Eusenda:

En los jardines del rei
hai unha herba encantada
toda muller que a come
logo queda embarazada.

Mañanciña de San Xoán
Doña Eusenda madrugara,
en los jardines del rei
comeu da herba encantada.

De alí a moi pouco tempo
le recachaba la enagua,
cando iba para la misa
su padre la reparaba:

- Tú que tienes Doña Eusenda
que te recacha la enagua
o tienes el mal de aldrope
ou tu te alcontras preñada.

- Nin eu teño o mal de aldrope
nin eu me alcontro preñada,
foi o mal das augas frías
bebidas na madrugada.

Chamoulle dous ciruxanos
dos máis sabidos de España
un repáralle o pulso
outro repáralle a cara,
os dous dícenlle á unha:
“Doña Eusenda está preñada”.

- Que o sexa, que non o sexa
o Rei que non sepa nada,
que si el Rei padre lo sabe
teño la muerte xurada.

Raramente aparecen romances con versos heptasílabos:

Somos pobres cesteiros,

cestos que componer,

pobriños de nosoutros

que vamos a morrer.

Cando vamos para á feira

cos cestos a vender

chamamo-lás mulleres

que nolos veñan a ver.

Cando vamos á vila

pola calle Real,

quedan as señoritas

sentadas no portal.

Elas moi empolvadas,

salen ó mirador,

falando polos dedos,

palabriñas de amor.

Tamén existen algúns integrados por versos de arte maior:

Conde Laíño da barba orballada

conde magoado de tanto chorar,

galán altivo dos ollos ardentes,

galán saudoso do doce falar.

Dentro das características do xénero é habitual atopar repeticións de versos, inserción de sílabas baleiras, variantes melódicas, irregularidade nas estrofas, cambios de dinámica e agóxica, adornos, etc.


[1] Schubarth, Dorothé e Antón Santamarina. Cancioneiro popular galego, vol. 1-7, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1982-1995.

[2] Rivas Cruz, Xosé Lois «Mini» e Baldomero Iglesias Dobariño «Mero». Cantos, coplas e Romances de Cego, 1- 2, Lugo: Ophiusa, 1999.

[3] Sampedro y Folgar, Casto. Cancionero musical de Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1982.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 3.0