Saltar navegación

Versión de Pancho Álvarez

Alá cando era bo mozo
tiña doce anos cumpridos
fun ver unha nena guapa
filla do Xan Dos Despidos.

Tiña un pau que era tan ghrande
como o timón dun arado
i unhas zocas de chinela
fumando nun gran cigarro.

Entrei dando as boas noites
sae un can mui apurado
rachoume o calzón de estrena
e máis tiroume deitado.

O vello peghoulle un couce
e atrás can condenado!
bateume a mín nas costas
que me deixou derrengado.

E dixo o demo do vello
éche bon milaghro home!
este can éche escolleito
carne mala non a come!

A rapaza non estaba
dis que ía nun viaxiño
eu saín pra esperala
no alboio dun veciño.

Saíume un can que era tan feo
como a cabeza dun sapo
arrastroume pola lama
mesmo que se fóra un trapo.

Como o can ladraba tanto
saen tódo-los veciños
con colmeiros, paus e fouces
e as mulleres con fouciños.

No camiño unha vella
que pensando ben non creo
peghoume tres bofetadas
dicindo que era mui feo.

Cando chego á miña casa
miña nai deume coas sopas
cantoume as coarenta en bastos
e ademáis as vinte en copas.

Meu pai que estaba presente
pra me calentar as moas
deume sete bofetadas
enriba do mel filloas.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 3.0