Concepto e historia

Logo da wikipedia As wikis son aplicacións informáticas baseadas na web 2.0, que quere dicir que son interactivas e non precisan de instalación no ordenador. Residen nun servidor na rede polo que podemos acceder a elas desde un navegador web sempre que teñamos conexión a internet. A característica máis importante é que permiten crear e modificar contidos (fundamentalmente con texto e imaxe) por parte dun ou de varios usuarios/as (desde distintos lugares e dispositivos), sendo polo tanto especialmente útiles para o traballo colaborativo. Permiten ademais crear enlaces a outros lugares da propia wiki ou a páxinas externas.

O termo "wiki" ven da palabra hawaiana "wikiwiki", que quere dicir "rápido". Foi Ward Cunninghan (no ano 1995) quen lle dou nome ao crear a primeira aplicación que tiña un sentido similar e que consistía nunha páxina web que permitía a varios usuarios/as crear contidos a partir de formularios en web.

Desde entón as wikis desenvolvéronse na web de xeito extraordinario, podendo atopar hoxe milleiros e milleiros delas.

Seguramente a wiki máis coñecida polos "internautas" habituais é a "Wikipedia", unha wiki-enciclopedia creada por multitude de voluntarios/as de todo o mundo, cada quen na súa lingua, promovendo un dos maiores éxitos do traballo colaborativo na rede. No noso idioma tamén dispoñemos da versión correspondente, denominada "Galipedia", que comezou a súa historia no ano 2003.