Section outline

  • A presente guía propón unha serie de recursos innovadores aplicables para os cursos de 3º e 4º de ESO nas materias de Bioloxía e Xeoloxía e Xeografía e Historia.

    Esta guía do profesor propón metodoloxías novas, aplicando a estratexia que cada autor considerou conveniente en tres contornas diferentes, pero co estilo particular de cada docente.

    As actividades pódense realizar por separado en cada materia, pero cobran un valor engadido cando se traballan de xeito conxunto.

    Incluímos a continuación as ligazóns máis importantes de cada sección.

    Os autores: José Viñas, Xacobo de Toro e David Eiroa

    Edita: Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

    Depósito legal: C 1969-2018

    Para a elaboración da mesma, contouse coa colaboración da Asociación Isabel  Zendal que achegou fondos documentais, experiencia e exemplo de tesón para dar a coñecer a aventura da Real Expedición Filantrópica da Vacina e dos seus protagonistas galegos.

  • Destacado

    Antes de comezar calquera tema novo é aconsellable coñecer o grao de coñecementos da nosa audiencia sobre o tema.
    No noso caso, realizaremos un xogo de preguntas e respostas rápidas con Kahoot.

    Acceder ao test “A Expedición Balmis ou Real Expedición Filantrópica da Vacina”: Test previo da Real Expedición Filantrópica

  • A vacinación da varíola en Galicia é introducida polo médico betanceiro Antonio Posse Roybanes quen, en 1801 (tan só uns anos despois do descubrimento da vacina), a ensaiou co seu propio neto. Posteriormente expúxoo á enfermidade e, ao comprobar que non a desenvolvía, decidiu crear a sala de vacinación no Hospital da Caridade.

    Consideramos que non se pode presentar unha aventura como esta, na que converteremos os nosos alumnos en “cazadores de virus”, sen que estes adquiran un nivel de coñecementos mínimo sobre as vacinas. Na seguinte ligazón Vídeo en Edpuzzle sobre as vacinas  propoñemos un vídeo de YouTube ao que lle inserimos preguntas grazas á aplicación gratuíta Edpuzzle.

  • Os nenos orfos galegos que participaron na expedición saíron de hospicios da Coruña e Santiago onde o normal por aqueles tempos era que só o 50 % dos nenos abandoados fixese os dous anos e tan só o 30% chegaba aos dez.

    Estes nenos adoitaban deixalos con cintas, notas ou marcas de calquera tipo para reclamar o fillo abandoado posteriormente, pero moi poucos volvían cos seus pais. Imaxinade o coidado posto por Isabel Zendal e a misión que dos 22 nenos protagonistas da nosa historia, só morrería un durante a expedición.

    O calendario de vacinación infantil axudaranos a observar a ausencia da varíola entre as doenzas de obrigatoria vacinación.

    Nesta ligazón poderemos observar os Calendario de vacinación actualizados pola Consellería de Sanidade en Galicia. 

    Por outra banda, propoñémoslle unha investigación sinxela ao noso alumnado coa axuda das seguintes tres ligazóns: 1) OMS - 2) Medline PLus - 3) Kids Health

    1. Preguntarlles aos adultos (pais e avós) quen deles está vacinado da varíola e valorar na aula a porcentaxe de individuos adultos vacinados. A vacina da varíola adoita deixar unha marca facilmente identificable na parte superior do brazo.
    2. O alumnado postulará varias hipóteses como: só os adultos poden vacinarse, xa non existe a varíola, non é obrigatorio vacinarse da varíola.
    3. Os resultados que forman parte da  evidencia serán os obtidos no punto 1
    4. As conclusións responderán ás hipóteses formuladas: non é obrigatorio vacinarse da varíola, xa non existe varíola ou só algúns adultos puideron vacinarse da varíola.
    5. Xustificaremos a evidencia. Daremos unha explicación de por que actualmente a xente xa non se vacina da varíola.

  • A principios do século XIX, a muller tiña que enfrontarse a multitude de trabas que a sociedade daquel momento lle poñía para desenvolver calquera actividade. Subir a un barco, expoñer as súas opinións ou tomar decisións de forma autónoma complicábanse aínda máis no caso de Isabel Zendal ao ser nai solteira. Por todo iso, cobra maior importancia que esta muller sexa recoñecida pola OMS como a primeira enfermeira en misión internacional.

    Para recoñecer a verdadeira importancia da Real Expedición Filantrópica, é necesario pescudar o seu encadramento histórico.

    Para iso realizaremos un traballo en grupos co alumnado.

    Dividiremos a clase en 4 grupos que se encargarán de buscar os feitos máis relevantes entre os anos 1803 e 1810: situación política en Europa, situación política en América do Sur, novos avances en ciencia e tecnoloxía e eventos máis importantes da Real Expedición Filantrópica da Vacina da varíola.

    A continuación cítanse, de xeito orientativo, unha serie de recursos web para a elaboración de liñas temporais, así como os correspondentes tutoriais.

    Recomendamos revisar a guía didáctica para realizar a actividade.

    Timetoast

    Timeline

    Tiki - toki

    Rememble

    Exemplos Time Toast

  • As condicións de salubridade nunha corveta da época favorecían a transmisión de enfermidades e a mortalidade, sobre todo a infantil. O atento coidado dos nenos por parte de Isabel Zendal debido á experiencia adquirida durante a súa etapa como reitora do Hospicio da Coruña e o seu bo facer, salientado por escrito polo director da misión.

    A Real Expedición Filantrópica da Vacina aínda segue sendo motivo de estudo e investigación por iso aconsellamos a revisión do póster elaborado pola Asociación Isabel Zendal da Coruña.

    Para fixar os coñecementos, ben sexa na aula ou na casa, aconsellamos o vídeo e a vitoria da vacinación elaborado expresamente para esta guía didáctica.

    A partir do mapa da infografía preparouse unha actividade interactiva co alumnado. Fronte a un mapa virtual, o alumno irá propoñendo os portos aos que arribou a Real Expedición. O programa irá indicando as respostas erróneas, ata que o alumnado complete a viaxe: ligazón (apartado “Fai a viaxe con Balmis”).

  • A visión práctica da solución ás preguntas de Balmis foi achegada pola enfermeira Isabel  Zendal: conseguir que os nenos levasen o gran vacunífero durante días, evitando o contaxio entre eles, permitiu que a expedición concluíse con éxito.

    Para levar a cabo esta actividade introduciremos ao alumnado na situación na que se atopan o rei Carlos IV e o ministro Godoy grazas ao vídeo interactivo Artellando a expedición que fai pausas automáticas e engade cuestionarios interactivos con respostas automáticas ou na súa versión normal. 

    O alumnado  responderá, nun primeiro momento, a preguntas sinxelas cuxa resposta está no vídeo;  posteriormente as preguntas terán que ser respondidas e razoadas atendendo aos coñecementos adquiridos.

    Para que o alumnado aprenda a tomar decisións fundadas, mostraremos a actividade desta sección.

  • A primeira campaña mundial de vacinación comeza o 30 de novembro de 1803 na Coruña. A expedición demostrou, ante o mundo enteiro, que a mellor ferrramenta contra enfermidades contaxiosas é a vacinación preventiva. Na retagarda quedaba o galego Antonio Posse Roibanes na Coruña, disposto a axudar e achegar máis vacina no caso de que algo saíse mal na expedición.

    A presente actividade utiliza o método do role playing ou xogo de rol, a través do cal se simula unha situación que se presenta na vida real. Ao poñer en práctica esta metodoloxía, o alumnado debe adoptar o papel dunha personaxe concreta e crear unha situación coma se se tratase da vida real. O obxectivo é imaxinar o xeito de actuar e as decisións que tomaría cada unha das personaxes en situacións diferentes. Despois, trátase de actuar coma esa personaxe en cada unha das situacións expostas.

    Recomendamos ler a guía didáctica coas indicacions para a actividade.

    Entre o material documental utilizado recomendamos ler:

    • Artigo científico sobre: Toma decisións frente antivacinas
    • Asemblea Mundial da Saúde recoñeceu a posibilidade de que a varíola sexa reintroducida e desde 1996 vén mantendo un debate sostido sobre posibles medidas de preparación para unha urxencia causada pola varíola (Nota da OMS).

  • A hipótese da inmunización da varíola humana con varíola vacúa quedou demostrada co neno de 8 anos James  Phipps. Tras ser aplicado o tratamento con  pus de Sarah Nelmes, leiteira, expúxose ao mozo á infección e non desenvolveu en ningún momento a enfermidade.

    A aplicación do método científico permitiu a Jenner demostrar a súa hipótese e rebater os seus detractores, entre os que se atopaban outros médicos e científicos, que vían os seus métodos demasiado revolucionarios para a época.

    Un dos bloques de contidos presente en todas as materias de ciencias da ESO é a elaboración dunha investigación científica relacionada co temario. Para iso ofrecemos un Laboratorio virtual de enfermidades.

    Neste simulador introducimos variables sobre a doenza, como índice de mortalidade e índice de contaxio, ou sobre a poboación, como número de individuos, densidade ou porcentaxe de vacinados. Deste xeito o alumnado pode obter datos do que acontecería nunha poboación en caso de sufrir unha doenza semellante á varíola. Para favorecer o emprego, de xeito autónomo, por parte dos alumnos dos items básicos para elaborar un informe científico, utilizaremos a Plataforma NextLab.

    Deseñamos unha guía de investigación e uso do laboratorio virtual, na plataforma NextLab. Trátase dunha guía aberta e en liña para que o alumnado poida completar o seu labor investigador facilment. Ligazón: Guía de aprendizaxe indagativa

  • Josef  Salvany é médico e segundo responsable da Real Expedición  Filantrópica da Vacina. Foi encargado de levar a vacina por toda América do Sur, á vez que Isabel  Zendal e  Balmis a trasladaron a América Central e Asia. A súa figura quedou eclipsada pola de Balmis e a importancia da Expedición. Por iso, nós quixemos homenaxear a un personaxe, chamado o heroe silencioso, que a historia relegou a un segundo plano, aínda que os feitos demostren o seu sacrificio como médico e como ser humano.

    O camarote de  Salvany é unha escape  room ambientada no camarote de  Salvany. Por suposto, os textos que se propoñen a continuación e a ambientación da trama non se axustan á realidade. Só os personaxes tiveron relación coa expedición e todos eles estiveron en contacto co doutor Josef  Salvany.

    A nosa escape room foi “modernizada” polo AS (Amigos de  Salvany). Desta forma, axudámonos da tecnoloxía para facer accesibles todas as pistas e enigmas en calquera parte do mundo. Cun mínimo de decorado (mesa, cadeira, colgadoiro, libros ou cadro), pódese crear a escape  room de “O camarote de  Salvany” en calquera escola de secundaria.

    Na guía didáctica explícase o desenvolvemento da actividade.

    Podedevos axudar das seguintes ligazóns: