Eres quen de atopar solucións creativas?
A eclipse na túa man
O reto creativo consistirá en transformar o material impreso nunha pequena maqueta funcional dunha eclipse de Sol que poida observarse na palma da nosa man. O noso obxectivo é que a luz do LED represente o Sol e que se poida visualizar como a Lúa tapa a luz solar e se produza a eclipse.
Despois de imprimir, montar os elementos e organizar as pezas, o alumnado integrará un circuito eléctrico simple (pila, LED, interruptor e cables). Pode ser de grande utilidade iniciarse no apaixonante mundo dos circuitos eléctricos, poñendo en práctica algún exemplo sinxelo. Para iso, pode empregarse antes o kit de electrónica básica e/ou o de circuitos de papel con cinta de cobre.
Unha vez creado o circuito funcional, pode experimentarse co post-procesado do material impreso (dar imprimación, pintar, etc). Con todo iso, o alumnado creará un modelo funcional que explica un fenómeno astronómico real.
Lembra que, para obter o teu certificado astronómico como guía oficial da eclipse, precisas documentar ben esta actividade e compartila no espazo Polos creativos da páxina web do centro.
A superación deste reto equivale á Misión 1 do teu certificado.
Unha vez teñas superadas as dúas misións propostas, conseguirás o teu certificado astronómico.
