Saltar navegación

1.1 Multilingüismo vs plurilingüismo

Estes conceptos preséntanse ás veces como equivalentes, pero difiren especialmente no ámbito educativo. O multilingüismo refírese á convivencia de varias linguas nun territorio, como ocorre en España, mentres que isto non implica que todas as persoas sexan plurilingües. O plurilingüismo describe a capacidade individual de combinar e usar distintos coñecementos lingüísticos e culturais de forma eficaz e adaptada aos contextos. É unha competencia dinámica baseada na transferencia entre linguas e na integración das mesmas, que debe ser promovida nas institucións educativas.

Segundo Trujillo (2008), as escolas deben adaptarse á diversidade lingüística do alumnado mediante a identificación das linguas presentes, das competencias lingüísticas, do contexto sociolingüístico e dos recursos dispoñibles. Distingue entre linguas do alumnado e linguas de ensinanza, subliñando que os centros poden acoller moita máis diversidade lingüística ca a recollida oficialmente, o que constitúe un contexto favorable para desenvolver o plurilingüismo.

Por isto, o profesorado debe reflexionar sobre cantas linguas conviven no centro (incluídas as non ensinadas) e como pode aproveitar esa diversidade. O Portafolio Europeo das Linguas, promovido polo Consello de Europa, é un material axeitado para analizar esta pluralidade, permitindo rexistrar e reflexionar sobre experiencias lingüísticas e culturais a través dun pasaporte de linguas, unha biografía lingüística e un carpeta persoal.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)