Saltar la navegación

2. Obxectivos da educación secundaria obrigatoria

A educación secundaria obrigatoria contribuirá a desenvolver nos alumnos e nas alumnas as capacidades que lles permitan:

a) Asumir responsablemente os seus deberes, coñecer e exercer os seus dereitos no respecto ás demais persoas, practicar a tolerancia, a cooperación e a solidariedade entre as persoas e os grupos, exercitarse no diálogo, afianzando os dereitos humanos e a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, como valores comúns dunha sociedade plural, e prepararse para o exercicio da cidadanía democrática. Nun contexto socioeducativo marcado pola disparidade de niveis económicos e educativos nas familias, o cal repercute de maneira directa no aprendizaxe dos alumnos e alumnas, é fundamental acadar estes obxectivos que son o fundamento dunha comunidade cohesionada que favoreza un ambiente óptimo a aprendizaxe e o desenvolvemento.

b) Partindo da devandita heteroxeneidade socioeducativa, o noso centro debe actuar como corrector de ditas desigualdades para o cal un obxectivo primordial é desenvolver e consolidar hábitos de disciplina, estudo e traballo individual e en equipo, como condición necesaria para unha realización eficaz das tarefas da aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal.

c) Valorar e respectar a diferenza de sexos e a igualdade de dereitos e oportunidades entre eles. Rexeitar a discriminación das persoas por razón de sexo ou por calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social. Rexeitar os estereotipos que supoñan discriminación entre homes e mulleres, así como calquera manifestación de violencia contra a muller. Nunha coxuntura cunha marcada desigualdade de acceso ao traballo entre homes e mulleres, así como a descompensación manifesta do seu salario, o noso centro educativo debe atender especialmente a fortalecer os valores de igualdade de dereitos e desbotar calquera actitude machista xa dende o propio proceso educativo, ensinando una mensaxe de igualdade desde una institución estatal fortalecendo a que as familias envían aos alumnos e alumnas ou, no caso de que esta mensaxe non chegue desde o ámbito familiar, actuar como corrector de dita situación. Debemos lembrar que o peso da sociedade tradicional patriarcal na contorna do noso centro é aínda moi notable nalgúns casos.

d) Fortalecer as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade e nas súas relacións coas demais persoas, así como rexeitar a violencia, os prexuízos de calquera tipo e os comportamentos sexistas, e resolver pacificamente os conflitos. O noso centro é pioneiro en Galicia na introdución do programa TEI (Titorización entre iguais) encamiñado a consecución de dito obxectivo.

e) Desenvolver destrezas básicas na utilización das fontes de información, para adquirir novos coñecementos con sentido crítico. Adquirir unha preparación básica no campo das tecnoloxías, especialmente as da información e a comunicación. O acceso competente ás posibilidades da oferta educativa e profesional vía Educación secundaria obrigatoria comeza coa adquisición de estas capacidades (tanto a de este epígrafe coma a dos catro seguintes) polo que debemos poñer especial celo en preparar aos nosos alumnos e alumnas para a súa adquisición.

f) Concibir o coñecemento científico como un saber integrado, que se estrutura en materias, así como coñecer e aplicar os métodos para identificar os problemas en diversos campos do coñecemento e da experiencia.

g) Desenvolver o espírito emprendedor e a confianza en si mesmo, a participación, o sentido crítico, a iniciativa persoal e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.

h) Comprender e expresar con corrección, oralmente e por escrito, na lingua galega e na lingua castelá, textos e mensaxes complexas, e iniciarse no coñecemento, na lectura e no estudo da literatura.

i) Comprender e expresarse nunha ou máis linguas estranxeiras de maneira apropiada.

l) Coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos da cultura e da historia propias e das outras persoas como vía fundamental a hora de construír climas de acollemento e cohesión grupal fundamentais a hora de previr conflitos e favorecer así un contexto de aprendizaxe plural. Da mesma maneira incluír aquí o patrimonio artístico e cultural. Coñecer mulleres e homes que realizaran achegas importantes á cultura e á sociedade galega, ou a outras culturas do mundo.

m) Coñecer e aceptar o funcionamento do propio corpo e o das outras persoas, respectar as diferenzas, afianzar os hábitos de coidado e saúde corporais, e incorporar a educación física e a práctica do deporte para favorecer o desenvolvemento persoal e social. Coñecer e valorar a dimensión humana da sexualidade en toda a súa diversidade. Valorar criticamente os hábitos sociais relacionados coa saúde, o consumo, o coidado dos seres vivos e o medio ambiente, contribuíndo á súa conservación e á súa mellora.

n) Apreciar a creación artística e comprender a linguaxe das manifestacións artísticas, utilizando diversos medios de expresión e representación.

ñ) Coñecer e valorar os aspectos básicos do patrimonio lingüístico, cultural, histórico e artístico de Galicia, para poder apreciar de maneira máis inmediata os exemplos que se atopan dentro do ámbito xeográfico e poboacional do centro educativo e a súa riqueza, o cal redunda no fortalecemento da autoestima do alumnado así como fortalece igualmente seus vínculos con dito espazo. Participar na súa conservación e na súa mellora, e respectar a diversidade lingüística e cultural como dereito dos pobos e das persoas, desenvolvendo actitudes de interese e respecto cara ao exercicio deste dereito.

o) Nun contexto socioeconómico claramente marcado por una oposición entre os núcleos propiamente rurais e pesqueiros cun alto número de familias galegofalantes fronte os núcleos de maior extensión centrados na actividade turística de maioría castelanfalantes, os alumnos e alumnas han de coñecer e valorar a importancia do uso da lingua galega como elemento fundamental para o mantemento da identidade de Galicia, e como medio de relación interpersoal e expresión de riqueza cultural neste devandito contexto plurilingüe, que permite a comunicación con outras linguas, en especial coas pertencentes á comunidade lusófona, unas das poucas comunidades emigrantes que posúen representación no noso centro.

Licencia: dominio público