Estades a manter un debate moi fondo e interesante.
Insisto no xa dito, "facerse o forte" agachando ou negando os sentimentos de tristeza ou rabia non conduce a outra cousa que a repercusións derivadas dun dó que non se pasou e que poden afectar ao individuo moitos anos despois en formas moi variadas.
Agora ben cada persoa é diferente e vai vivir o dó e pór en marcha estratexias para superar a perda diferentes, non hai unha norma que seguir sempre que eses modos de afrontamento sean saúdables e positivos, é dicir non negadores da realidade.
Comparto totalmente ese rexeitamento de Marga á formulismos baleiros que obedecen a regulacións sociais que non aprobo por inxustas ou son caducas. Inclúo o loito, nas formas en que se viña desenvolvendo. Como decides, moitas persoas, especialmente mulleres, foron educadas para vivir o loito desaparecendo totalmente da esfera pública e con riscos importantes de illamento social. Hoxe, afortunadamente, carecen de vixencia esas prácticas na meirande parte da sociedade. Pero para ser xustos co loito tradicional non esquezamos que ese illamento e carencia de realación social tamén o sufrían as mulleres que non tiñan aos seus maridos ben pola emigración, ben por estar embarcados. As mulleres da costa galega, posiblemente con grados maiores de independencia e autonomía que as de outras zonas, acostumadas a xestionar casa e facenda, tampouco podían ir as festas, nin ao cine, nin aos bares, eran viuvas de vivos. O machismo imperante atinguía a todo e tamén ao loito. Un horror.
Remato, non todas as ritualizacións son malas, haberá que buscar aquelas que non eliminen a autonomía, que non xeren desigualdades inaceptables, que non se basen en crenzas irracionais, pero pensar que a simple forza do individuo e "os seu amigos" son suficientes para transitar pola vida e a morte é un erro psicoloxicista, é dicir, unha interpretación da realidade en termos unicamente psíquicolóxicos esquecendo que as estructuras sociais e culturais mesmo políticas determinan en boa medida a forma en que os humanos vivimos, morremos e sobrevivimos a morte.