Explorar o glosario usando este índice

Especial | A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | Ñ | O | P | Q | R | S | T | U | V | W | X | Y | Z | TODAS

C

Converso

Persoa que acepta unha crenza relixiosa ou ideoloxía  diferente á que profesaba. Na España do século XVI e XVII aplícase aos xudeus e musulmáns que adoptaron o cristianismo, ben por convicción ben por necesidade,  para evitar a súa expulsión ou persecución. Moitos destes  novos cristiáns (​xudaizantes ou ​marráns​, e ​mouriscos​)  foron acusados de manter en segredo a súa fe orixinal e  serían vítimas da persecución inquisitorial e de marxinación en prol dos ​cristiáns vellos​ en virtude dos  chamados estatutos de limpeza de sangue​.


G

Grande Armada

Flota creada por Filipe II en 1588 co obxecto desembarcar en Inglaterra e destronar á protestante Isabel II. Constituída  por 130 navíos e 25.000 homes partiu de  Lisboa baixo o mando do inexperto duque de Medina  Sidonia coa intención de recoller en Flandres ás tropas de Alexandre Farnesio coas que se pretendía invadir  Inglaterra. Sen embargo, ao chegar ao Canal da Mancha,  os temporais e os ataques dos corsarios ingleses  provocaron numerosos afundimentos. A frota emprendeu a  volta rodeando as Illas Británicas polo norte. Só 66  buques e 10.000 tripulantes retornaron aos portos  peninsulares. Tras a derrota, a propaganda inglesa  cualificouna retranqueiramente de ​Armada Invencible​.


M

Mouriscos

Denominación dos musulmáns obrigados a converterse ao cristianismo polas disposicións reais, dende 1502 na Coroa de Castela e dende 1526 na de Aragón. Moitos deles  seguiron mantendo a lingua árabe e as súas vestimentas e costumes. Eran acusados polos cristiáns vellos de  manter relacións con otománs e berberiscos e de practicar  en privado a súa antiga fe. 

Tras a revolta das Alpujarras (1568-1571), a maioría dos  mouriscos granadinos foron deportados por orde de Felipe II. En 1609, Felipe III ordenou a expulsión completa dos mouriscos, medida que afectou sobre todo aos reinos Aragón e Valencia, onde representaban respectivamente un sexto e un terzo da poboación total.

T

Terzos

Unidades de infantería formadas por soldados  profesionais, voluntarios ou de recrutamento, que constituíron o núcleo permanente dos exércitos dos Habsburgo españois durante os séculos XVI e XVII.  Cada terzo estaba constituído por varias compañías provistas dunha combinación de armas  brancas (espadas e, sobre todo, picas) e de fogo  (arcabuces, mosquetes). Distribuíanse polos distintos reinos da Monarquía Hispánica, destacando polo seu número os Terzos de Flandres. Aínda que foron  creados oficialmente por Carlos I en 1534, os seus antecedentes encóntranse nas reformas militares dos  Reis Católicos e o cardeal Cisneros.


U

Unión de Armas

Proxecto político presentado en 1625 polo conde-duque de  Olivares, valido de Filipe IV, que pretendía un reparto dos  custos económicos e humanos da política real, que ata o  daquela recaeran nunha Castela xa exhausta  e  empobrecida. Cumpría igualar, polo tanto, a presión fiscal e  a achega militar soportada por Castela ás do resto dos  territorios da monarquía. A proposta de Olivares  concretábase na creación dun exército de reserva permanente formado por 140.000 homes achegados por cada reino da monarquía en función da súa poboación e riqueza. Era evidente que supuña un primeiro paso para unificar politicamente a  monarquía, suprimindo as peculiaridades forais e institucionais dos diferentes territorios. 
A aplicación deste programa, uniformizador e centralista,  provocou o frontal rexeitamento dos restantes reinos da  monarquía, singularmente de Cataluña e Portugal, onde conduciría ás rebelións de 1640.

V

Valido

Persoa da confianza persoal do monarca ao que este outorgaba a dirección do goberno do reino. A figura do  valido ou privado xeneralizouse nas monarquías europeas
durante o século XVII (Richelieu na Francia de Luís XIII, Buckingham na Inglaterra de Xacobe II). Os validos españois (os duques de Lerma e Uceda con Filipe III; o conde-duque de Olivares e Luis de Haro con Filipe IV; Nithard, Xoán  Xosé de Austria, Valenzuela e o conde de Oropesa con Carlos II) trataron de impoñer os seus desexos e a  vontade real sobre unha maquinaria administrativa cada vez máis complexa. Grazas á súa intimidade co monarca, lograron manipular o reparto de mercedes reais para  promover á lealdade e o servizo á Coroa mentres fomentaba os seus intereses persoais e os da súa familia e  clientela. Non estraña que fosen acusados polos seus  rivais de usurpar o poder real

X

Xuntas do Reino de Galicia

Institución representativa do Reino de Galicia durante o  Antigo Réxime. As súas orixes remóntanse ao movemento  irmandiño e ás reformas dos Reis Católicos (xuntas xerais da Irmandade). Ao longo do século XVI foise formalizando o súa composición e funcionamento. Estaban constituídas  polos delegados (​procuradores​) das sete cidades capitais (A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Lugo, Santiago de Compostela, Tui e Ourense) en representación das súas  respectivas provincias. Un deles, o​ Deputado Xeral​ de  Galicia, exercía a representación exterior das Xuntas.  Sen ser un órgano de goberno, as Xuntas serviron de intermediarios entre a Coroa e o Reino. Xeralmente eran convocadas polo monarca e presididas polo capitán xeral.

Participaron no reparto da carga fiscal e das levas militares e podían presentar, en representación do reino, queixas e  peticións a El-Rei, que non sempre eran atendidas. Non obstante, en 1622 conseguiron que o Reino obtivese o voto nas Cortes de Castela, representación que ata o daquela recaía na cidade de Zamora. 
Desapareceron, como o propio Reino, en 1834 a raíz das reformas administrativas liberais.