Denominación dos musulmáns obrigados a converterse ao cristianismo polas disposicións reais, dende 1502 na Coroa de Castela e dende 1526 na de Aragón. Moitos deles seguiron mantendo a lingua árabe e as súas vestimentas e costumes. Eran acusados polos cristiáns vellos de manter relacións con otománs e berberiscos e de practicar en privado a súa antiga fe.
Tras a revolta das Alpujarras (1568-1571), a maioría dos mouriscos granadinos foron deportados por orde de Felipe II. En 1609, Felipe III ordenou a expulsión completa dos mouriscos, medida que afectou sobre todo aos reinos Aragón e Valencia, onde representaban respectivamente un sexto e un terzo da poboación total.