A arquitectura do texto
«Raramente somos conscientes da estreita interrelación que existe entre a escritura, pensar, saber e ser».
DANIEL CASSANY
A vivenda é un reflexo da cultura, da historia e do modo de vida dunha sociedade. En Galicia, a arquitectura tradicional presenta unha gran diversidade, desde as casas labregas ata as vivendas mariñeiras ou os pazos. Neste proxecto, o alumnado de 4º de ESO explorará a riqueza da vivenda galega ao tempo que afonda no estudo dos tipos de textos, as súas propiedades e, en especial, o texto descritivo.
Construír un texto é como levantar unha casa: ambas as dúas precisan dunha boa estrutura para ser sólidas e funcionais. O plan ou esquema do texto equivale aos alicerces e os muros que lle dan forma á vivenda, mentres que os parágrafos e as conexións entre ideas funcionan como as estancias ben distribuídas dun fogar. Ademais, igual que unha casa debe ser acolledora e comprensible para quen a habita, un texto debe ser claro, organizado e atractivo para quen o le.
Ao longo da situación de aprendizaxe, investigaremos as características das diferentes tipoloxías de vivenda galega, aprenderemos vocabulario específico relacionado coa casa e aplicaremos os coñecementos adquiridos na elaboración de textos descritivos. Estes textos servirán de base para a creación dun Padlet colaborativo sobre a vivenda tradicional galega e para unha exposición no instituto, onde o alumnado presentará os seus traballos a través de paneis informativos con textos descritivos das distintas construcións.
Este proxecto permitiranos desenvolver competencias clave como a comprensión e produción textual, a investigación e selección de información relevante e a comunicación oral e escrita, á vez que reforzan o coñecemento do patrimonio arquitectónico galego.
Como sabedes, o texto é a unidade básica de comunicación (oral ou escrita) da lingua. Coma no resto das construcións, precisamos unha serie de materiais básicos para elaboralos. Pasamos toda a vida recibindo e elaborando textos, pero..
Que condicións teñen que ter para consideralos como tal?
Para que necesitamos os textos?
Cal é a súa estrutura?
Durante as secuencias didácticas deste proxecto que comezamos agora achegarémonos a tres bloques do currículo da materia de Lingua Galega e Literatura:
Comunicación oral
Comunicación escrita
Funcionamento da lingua
Lectura facilitada
Sodes alumnos e alumnas de 4º ESO a piques de rematar o ensino obrigatorio. Suponse que ao pechar esta etapa debedes ter unha competencia en comunicación lingüística que vos permitan interactuar de forma oral ou escrita de maneira coherente e adecuada e diferentes ámbitos e contextos e con diferentes propósitos. Para iso temos que contar con determinados coñecementos e destrezas que nos permitan comprender e interprentar con espírito crítico as mensaxes que nos chegan. Van tentar manipularnos. Imos ser vítimas da desinformación. Para loitar contra todo iso e para mellorar a nosa comunicación con outras persoas, interactuando de xeito cooperativo, creativo, ético e respectuoso nace este proxecto.
Como sabedes, o texto é a unidade básica de comunicación (oral ou escrita) da lingua. Coma no resto das construcións, precisamos unha serie de materiais básicos para elaboralos. Pasamos toda a vida recibindo e elaborando textos, pero...
Que condicións teñen que ter para consideralos como tal?
Para que necesitamos os textos?
Cal é a súa estrutura?
Durante as secuencias didácticas deste proxecto que comezamos agora achegarémonos a tres bloques do currículo da materia de Lingua Galega e Literatura:
Comunicación oral
Comunicación escrita
Funcionamento da lingua