Saltar navegación

O Rexurdimento

O Rexurdimento galego é un período da literatura que abrangue a segunda metade do século XIX. Incardínase nun movemento literario comezado anos antes en toda Europa e que se caracteriza pola posta en valor das culturas propias de pobos minorizados coma o catalán, o bretón, o occitano ou o sardo, entre outros.

A data que se toma como fundacional para o inicio do Rexurdimento é o 17 de maio de 1863, data da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

Sabías que...?

  • A data de publicación de Cantares Gallegos ten unha fermosa historia detrás. Rosalía acababa de escribir o seu primeiro poemario e non quería publicalo polo seu carácter discreto e modesto. O seu marido, Manuel Murguía foi o que xestionou todo o proceso para que saíse do prelo de Juan Compañel, en Vigo.
  • Non se coñece a data exacta da súa publicación, mais tómase como referencia a que Rosalía usa na dedicatoria a Fernán Caballero no prólogo.
  • Esta data coincide coa data de nacemento de Murguía, que foi o 17 de maio de 1833; é unha idea estendida que Rosalía lle fixo unha homenaxe-agasallo ao seu esposo facendo constar esa data para a publicación do seu primeiro poemario.
  • Anos máis tarde, en 1963, no centenario da publicación de Cantares, Francisco Fernández del Riego propuxo a data do 17 de maio, polo seu significado no rexurdimento da literatura galega, para organizar unha xornada festiva, reivindicativa e visibilizadora da lingua e da literatura galega, o Día das Letras Galegas, sóache?

Hai outras datas importantes que puideron ser tomadas como referencia par marcar o inicio do Rexurdimento galego, como o ano 1853, cando foi publicado por entregas A gaita gallega, de Xoán Manuel Pintos, como xa vimos no texto de Christus e Pedro Luces.

Mais non foi só Rosalía nin só Cantares gallegos os que xustifican que en Galicia se producise un "rexurdimento" literario senón que houbo outros. A carón dela están Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, que xunto a Rosalía conforman a "Triple coroa", imaxe un tanto pomposa para facer referencia á extraordinaria calidade da obra destes tres poetas.

Wikimedia Commons. Manuel Curros Enríquez (Dominio público)
Eduardo Pondal
Wikimedia Commons. Eduardo Pondal (Dominio público)
Curros Enríquez pasou á historia da literatura galega por obras como Aires da miña terra (1880) ou O divino sainete (1888) Eduardo Pondal, o "Bardo" das letras galegas, é coñecido por Queixumes dos pinos (1886) e Os Eoas (1992). É, ademais, o autor da letra do himno galego, "Os pinos".