Rosalía de Castro, a nosa Rosalía, naceu o 24 de febreiro de 1837 no Camiño Novo, un arrabalde da cidade de Compostela. Súa nai, María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía, proviña dunha familia fidalga vida a menos. A súa paternidade atribúese con total seguridade a José Martínez Viojo, crego de profesión; e o seu coidado, durante a nenez, ás tías paternas. Pasou unha infancia leda nas vilas de Ortoño e Padrón, pois así o lembra a autora nun dos seus poemas de Cantares Gallegos. Posteriormente, arredor do ano 1850, nai e filla trasládanse a Santiago de Compostela. Na cidade comeza a recibir formación musical e literaria na Sociedad Económica de Amigos del País e participa nas actividades do Liceo de la Juventud, lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista.
En 1856 Rosalía marcha a Madrid, onde vive cunha curmá. As súas primeiras obras comezan entón a ver a luz: o libro de poemas La Flor, en 1857, e a novela La hija del mar, en 1859. En 1858 casa con Manuel Murguía para, ao ano seguinte, regresar a Galicia no que será o inicio dunha vida itinerante, debido aos cargos de funcionario de Murguía, que levarán a parella e os seus once fillos a vivir en diversos lugares.
A década de 1860 foi un período de efervescencia intelectual e política. Neste contexto, no ano 1863, a autora publica Cantares Gallegos, marcando o inicio do Primeiro Rexurdimento. Rosalía era xa unha escritora profesional que colaboraba en diversas publicacións, ao tempo que atendía as obrigas familiares entre Castela e Galicia, onde se instalará definitivamente na década dos 70. O seu derradeiro libro de poemas en galego, Follas Novas, unha cimeira da literatura galega de todos os tempos, foi publicado en 1880.
Un cancro remataría coa vida da autora o 15 de xullo de 1885, dez anos despois de instalarse en Padrón. Os seus restos repousan actualmente no Panteón de Galegos Ilustres, no compostelán templo de San Domingos de Bonaval.
Mira o que dicía a poeta e escritora Luz Pozo Garza sobre Rosalía de Castro...