Técnicas e boas prácticas para acadar a inclusión
Técnicas e boas prácticas. Alumnado
E no que respecta ao alumnado, un dos erros máis comunmente cometidos á hora de enfocar o traballo colaborativo e cooperativo é pensar que o traballo en equipo é simplemente un recurso metodolóxico, cando en realidade é algo que deben aprender, é dicir, un contido máis. Polo tanto, deberemos ensinar ao noso alumnado a traballar en equipo e deseñar actividades para que poidan aprender a facelo.
Na formación dos equipos de traballo, recorrer á heteroxeneidade, entendéndoa como unha oportunidade para o coñecemento e o estímulo, é recomendable. Isto non implica que en momentos puntuais non se poidan dar grupos máis homoxéneos, pero debe primarse a diversidade como fonte de riqueza.
Ademais, é importante que o alumnado se sinta partícipe e protagonista nunha aprendizaxe cooperativa. É dicir, que fagan súa a mensaxe central formulada pola UNESCO (2017): “Todo o alumnado conta e conta por igual”.
Un último apartado a tratar será a aplicación de técnicas que permitan a construción de aprendizaxes significativas. Neste sentido existen multitude de técnicas para a aprendizaxe cooperativa de diversa autoría e amplamente estendidas. Podemos atopar algunhas sinxelas pensadas para tarefas específicas (activar coñecementos previos, presentar contidos, asegurar a comprensión dunha actividade proposta…) e outras máis complexas que serán desenvolvidas durante un espazo de tempo máis amplo. No seguinte interactivo invitámosvos a asignar o nome dalgunhas técnicas á súa descrición: