Polos Creativos. Situacións de aprendizaxe e actividades
Polos Creativos
Os Polos Creativos serán a materialización e consolidación, nos centros educativos galegos, dalgunhas das experiencias tratadas anteriormente como son a Aula do Futuro ou Aula Nova e os Espazos Maker.
Zonas de aprendizaxe da Aula do Futuro
Os Polos Creativos preséntanse como unha oportunidade para que o alumnado poida desenvolver e acadar as competencias para o século XXI a través do emprego de novas metodoloxías mediante a flexibilización dos espazos educativos e o emprego de ferramentas tecnolóxicas.
Deste xeito, reconsiderarase o rol do alumnado, que pasará a ser o protagonista do seu proceso de ensino aprendizaxe, e do profesorado, que exercerá de guía, orientación, moderación e artífice do deseño de experiencias. E, polo tanto, potenciarase o paso da ensinanza instrutiva á ensinanza activa (aprender facendo para aprender a ser).
Este novo enfoque e espazo educativo potenciará as actividades de investigación e o traballo en grupo, fomentará a creatividade e o intercambio de opinións e ofrecerá espazos para a aprendizaxe non formal. Xerándose, así, un clima favorecedor para as aprendizaxes colaborativas e entre iguais, o traballo cooperativo e a inclusión.
Evidentemente, como xa levamos observando nos anteriores bloques desta guía, para que se produza o cambio real, cómpre que o conxunto da comunidade educativa se implique sen excepcións.