Algunhas valoracións

   Extraemos algunhas das conclusións recollidas no documento Guía del Profesorado. TALIS 2018 (OCDE (2020). Os estudos realizados conclúen que unha cultura de colaboración entre o profesorado ten un impacto positivo no seu propio benestar e na confianza en si mesmo. O informe analiza dous tipos de prácticas colaborativas: intercambios e coordinación, formas sinxelas de colaboración como intercambiar materiais, conversar cos estudantes ou asistir xuntos a conferencias e colaboración profesional, prácticas máis profundas como a co-docencia na mesma aula ou a observación de clases de outros docentes con propósito de retroalimentación. Os datos da enquisa revelan que estas formas profundas son menos frecuentes entre o profesorado. A colaboración é beneficiosa para os docentes de distintas maneiras (ODCE, 2020); as prácticas profundas poden axudarlles a implementar novas prácticas, aprender de compañeiros/as experimentados ou reflexionar sobre as súas propias prácticas. “O recurso máis valioso que os directores escolares poden ofrecer aos profesores neste sentido, é o tempo: tempo para asistir a actividades de desenvolvemento profesional con outros compañeiros, para visitar as clases de outros profesores e observar como imparten durante a xornada, ou para planificar leccións ou un plan de estudos novos que incorporen a ensinanza en equipo ou combinen distintas clases ou grupos de idades”.

Isto só será posible se no centro existe un ambiente positivo e propenso á colaboración interprofesional. Neste sentido, o 81% do profesorado describe o ambiente no seu centro como colaborativo e de apoio mutuo e o 87% pensa que poden contar coas compañeiras/os. Neste informe da OCDE aparece un apunte que valoramos como excepcionalidade pois rara vez se nos ofrece unha fórmula tan eficaz e, aparentemente, tan ao alcance do persoal docente: o compañeirismo, que debe promoverse nas escolas dende a dirección e dende o profesorado. O compañeirismo aparece como unha das receitas que poden impulsar a implementación dese tipo de colaboracións máis profundas e novedosas e, por tanto, dos beneficios que reportan. Neste sentido, a retroalimentación ou feedback constitúe unha das prácticas colaborativas máis eficaces para reflexionar sobre a práctica docente e mellorala, tal e como sinala o informe: o 71% dos docentes que recibiron retroalimentación afirma que lles resultou útil para as súas prácticas docentes e o 55% afirma que lles axudou a mellorar as prácticas pedagóxicas das materias que imparten.

A continuación, e para rematar esta lección, analizaremos unha das denominadas prácticas profundas, que acadan menor porcentaxe de aplicación; falamos da co-docencia, como un aspecto de colaboración profesional para seguir avanzando cara a co-creación e a solución conxunta de problemas.

Vostede completou o 88% da lección
88%