Introdución á inclusión e á equidade
Como acadar a inclusión e a equidade?
O primeiro que debemos ter claro é que a posta en práctica de formas de traballo máis inclusivas e equitativas precisa de cambios na cultura do sistema educativo, en todas as súas escalas, e a completa implicación de toda a comunidade educativa. Debemos ser conscientes de que o obxectivo é superar os obstáculos para acadar unha educación de calidade non só en termos de acceso, senón tamén de participación, procesos ou resultados de aprendizaxe.
Como en todo cambio que queiramos levar a cabo, para conseguir que os nosos centros sexan máis inclusivos, deberemos analizar como son na actualidade e como nos gustaría que fosen. Neste sentido, o traballo colaborativo, o diálogo horizontal e contar con todas as voces da comunidade educativa, especialmente con aquelas que son habitualmente menos escoitadas e consideradas, é primordial (INTEF, 2021).
Outro punto clave a considerar, tal e como estipula a UNESCO (2017), é a visualización das diferenzas individuais como oportunidades para democratizar ou enriquecer a aprendizaxe e non como problemas a dirimir, xa que estas poden actuar como xerme para a innovación que pode beneficiar a todo o alumnado. Ademais, deberán existir espazos de aprendizaxe e pedagoxías de calidade que permitan ao alumnado progresar, comprender as súas realidades e traballar por unha sociedade máis xusta. Se a isto engadimos que, dende o punto de vista da inclusión, a aprendizaxe terá lugar cando o alumnado participa activamente e toma a iniciativa, propostas como os Polos Creativos, dos que falamos anteriormente, serán unha ferramenta tremendamente útil no camiño cara a inclusión.
Debe tamén destacarse a enorme potencialidade do alumnado para acadar a equidade a inclusión reais nos nosos centros. O seu papel será primordial dende o punto de vista da análise o os obxectivos a acadar, pero tamén existe unha clara evidencia de que os enfoques cooperativos e entre iguais permiten aumentar ao máximo a participación na aula e acadar un alto nivel de aprendizaxe para todo o alumnado.