Que son a inclusión e a igualdade?

Segundo a UNESCO (2017), a equidade garante que exista unha preocupación pola xustiza, de tal xeito que a educación de todo o alumnado se considera de igual importancia. E a inclusión queda definida como o proceso que axuda a superar todos os obstáculos que limitan a presenza, a participación e os logros de todo o alumnado.

Tendo en conta estas definicións, podemos facernos unha idea da importancia do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 4 que esixe que se garanta unha educación inclusiva e equitativa de calidade e que se promovan oportunidades de aprendizaxe ao longo de toda a vida para todas as persoas antes do 2030. Ademais, este obxectivo tamén demanda a promoción, mediante a educación, do desenvolvemento sostible, do respecto polos Dereitos Humanos, da igualdade de xénero e da valoración da diversidade cultural. Por outra banda, fai fincapé na adecuación das instalacións educativas tendo en conta as necesidades da mocidade e das persoas con discapacidade e as diferenzas de xénero, ofrecendo contornas de aprendizaxe seguras, non violentas, inclusivas e eficaces para todas as persoas.

Neste contexto, faise preciso falar de conceptos como coeducación, co-docencia e aprendizaxes colaborativas e cooperativas; termos que xa foron aparecendo na guía e que iremos tratando máis en profundidade ao longo deste bloque.

Vostede completou o 67% da lección
67%