Polos Creativos. Situacións de aprendizaxe e actividades
Situacións de aprendizaxe e actividades
De cara ao deseño de actividades para ser desenvolvidas nos Polos Creativos, cómpre falar primeiro das situacións de aprendizaxe.
Como xa comentamos, o desenvolvemento e adquisición das competencias clave facilítase mediante metodoloxías que permitan ao alumnado tomar o protagonismo no proceso de ensino-aprendizaxe. Así, as situacións de aprendizaxe permitiranlle ao alumnado acadar obxectivos e competencias a través das súas propias experiencias e aprendizaxes, mediante actividades significativas e contextualizadas, que partan dos seus intereses e vivencias, e que dean solución a problemas da vida real dun xeito creativo e cooperativo. Ben deseñadas, permitirán aprender a aprender e fomentarán a aprendizaxe ao longo da vida dun xeito inclusivo, adaptándose ás características, necesidades e ritmos de todo o alumnado.
Á hora de deseñar situacións de aprendizaxe deberemos ter en conta:
- Metodoloxía a empregar.
- Presentación duns obxectivos claros e precisos.
- Deben ser interdisciplinarias e integrar diversos saberes básicos.
- Ferramentas (analóxicas e dixitais) e espazos de aprendizaxe a empregar.
- Deben favorecer diferentes tipos de agrupamentos e a comunicación.
- Dar resposta aos retos do século XXI.
Polo tanto, as situacións de aprendizaxe crearán o contexto para as actividades a desenvolver nos Polos Creativos e que:
- Partirán e tomarán como fundamento unha situación de aprendizaxe.
- Definirán o rol de alumnado e profesorado no proceso de ensino-aprendizaxe.
- Estipularán o uso das TIC e das ferramentas tecnolóxicas.
- Desenvolverán as competencias do século XXI.
- Poderanse empregar ao longo de todo o currículo.
Así, no deseño das actividades, deberemos ter en conta: a situación de aprendizaxe na que se contextualizará (unha situación de aprendizaxe requirirá de diversas actividades para levarse a cabo), a temporalización, os espazos do Polo Creativo a empregar, as tecnoloxías e os recursos precisos, o rol do alumnado/profesorado, a avaliación... Non perdendo de vista na nosa preparación o feito de que a actividade debe contribuír á adquisición das competencias clave e dar resposta a problemas da vida real.
Un bo deseño de situacións de aprendizaxe e actividades permitirá mellorar á motivación do alumnado e axudará ao desenvolvemento da súa autonomía, pensamento crítico, creatividade, capacidades analíticas, de comunicación ou interculturais e o traballo en equipo.
Na seguinte ligazón ao banco de recursos educativos do INTEF poderedes atopar diferentes situacións de aprendizaxe e actividades para aplicar na Aula do Futuro e, polo tanto, nos Polos Creativos.