Bases da Coeducación
O sexismo na Escola
A Escola foi considerada, durante décadas, como institución defensora da igualdade de oportunidades e protectora frente a valores discriminatorios. A partir dos anos oitenta do século XX, comezan a desenvolverse estudos e investigacións centrados na análise da transmisión de estereotipos de xénero no chamado currículo oculto, Brullet, C. e Subirats, M. (1988), como transmisor de valores e normas presentes na familia e na sociedade. Na mesma liña, Torres Santomé, J. (1991) fala de discriminación sexista nas institucións escolares que se evidencia en “nenos visibles e nenas invisibles”. A progresiva incorporación da muller a estudos universitarios e os resultados académicos favorables non diminúen a invisibilidade feminina nos centros.
Bonal, X. (1997) determina que, de forma oculta, na escola hai mecanismos de discriminación sexual que afianzan estereotipos de xénero: “A discriminación sexual ten que ver coa infrarrepresentación da cultura feminina no currículo e coa marxinación das actitudes e comportamentos calificados como femininos”. Esta discriminación foi a que provocou, ao longo da historia, que moitas mulleres de ciencia ocuparan un segundo plano con respecto ós seus maridos ou colegas masculinos, que foron os que levaron os galardóns. Este fenómeno coñécese como o “Efecto Matilda”, na honra de Matilde Joslyn Gage, a primeira en denuncialo. Non podemos continuar coa invisibilización do talento feminino da escola, debemos, pois, ofrecer ás nenas modelos femininos de éxito, intelixencia, creatividade e poder.
Bonal puntualiza que o sexismo afecta a todo o alumnado: ás nenas, na elección de estudos e profesións ou na asunción do rol de coidadoras; ós nenos, na asunción de valores específicos de masculinidade como a independencia, o éxito profesional ou o control de emocións impedíndolles o acceso a valores tradicionalmente considerados femininos.
As causas hai que buscalas nas raíces do patriarcado, que descalifica valores femininos de coidado ou das emocións ensalzando valores masculinos de negación de emocións e ocultación de debilidades. Xa dende a infancia, a través de xogos, os nenos aprenden
a entrenarse na valentía e na forza, necesarias para acadar o éxito profesional e vital. Porén, as nenas son entrenadas, mediante xogos, para coidar o fogar e a familia. A educación sexista normalízase e limita a nenos e nenas na toma de decisións,
esta farase en función do sexo e non en función das capacidades ou dos intereses reais, se cadra ocultos ou latentes, coa perda de talento que iso supón.