STEAM e xénero. Composición de lugar
STEM e STEAM
Neste apartado da Guía, centrarémonos especialmente nos campos STEAM que permiten ao noso alumnado achegarse á resolución de problemas da vida real, pero que se ven claramente afectados pola fenda de xénero.
Como xa vimos, o termo STEAM nace como evolución de STEM que responde as inicias en inglés de ciencias (Science), tecnoloxía (Technology), enxeñería (Engineering) e matemáticas (Mathematics) e que foi acuñado en Estados Unidos na década dos 90. Na segunda metade da década dos 2000 decídese, dende o ámbito educativo, incorporar o A de Arts, dándolle así un maior peso ao eido creativo e do deseño, achegando o termo STEM ás humanidades.
Polo tanto, o enfoque STEAM pretende facilitar ao alumnado as competencias precisas para desenvolverse plenamente como cidadás e cidadáns do século XXI a través do pensamento crítico, a indagación e o diálogo.
