Bases da Coeducación
Orixe das desigualdades de xénero
O patriarcado pode definirse como un sistema arcaico, non extinto, de dominio do home fronte a subordinación da muller, ocupando aquel os postos de poder relevantes na sociedade. O masculino preséntase como un valor universal do que os homes obteñen privilexios e beneficios fronte á discriminación da muller polo feito de selo. Ten a súa orixe nas primeiras sociedades que fixeron da fortaleza física masculina a súa principal arma de poder e dominio sobre as mulleres, sometidas e apartadas para o exercicio da función reprodutora e coidadora.
Iván Jablonka (2020) apunta que a división sexual do traballo instalouse no Paleolítico, sendo os homes liberados das tarefas de crianza e nutrición que corresponden á función-muller, que define como o conxunto de usos e servizos sexuais, reprodutivos e do coidado do fogar. Os homes son os conquistadores do exterior, cos desafíos e os riscos que iso conleva. A sociedade avanzou e, no século XX, a muller integrouse no mercado laboral sen abandonar a obriga das tarefas domésticas. Ademais do traballo físico, Javlonka fala de carga mental que ten que asumir a muller como nai de familia inmersa na organización do fogar e, conclúe: “A verdadeira revolución darase o día en que os homes compartan esa carga mental, ademais dos labores domésticos”.