STEAM e xénero. Composición de lugar
Potencialidade do enfoque STEAM
Non cabe dúbida de que o STEAM pode ser un medio para dotar ao alumnado das ferramentas para transformar o mundo no que vivimos e que non debería quedarse en prácticas innovadoras a pequena escala, senón converterse nun cambio metodolóxico completo. Isto implicará novos deseños curriculares e pedagoxías para volver a presentar, reconfigurar e revisar os propósitos de crear, facer e refacer, para así conseguir unha educación máis ecléctica, humanizada, integradora e sostible (Colucci-Gray, Burnard, Gray e Cooke, 2019).
O enfoque STEAM permitiranos explorar a potencialidade ilimitada do noso alumnado a través de:
- O pensamento crítico.
- O diálogo.
- A indagación.
Dada a súa transversalidade, facilitará o traballo por proxectos, a resolución de problemas da vida real… Así permitirá, a partir dunha cuestión inicial, investigar, crear e reflexionar para crear novas e diferentes solucións a dita cuestión.
Debemos ter en conta que o STEAM non se limita unicamente ao emprego dunhas certas ferramentas, senón a como estas son empregadas. Por exemplo, ter un equipamento de robots non converte a nosa aula en STEAM. Ben entendido, o STEAM permitirá ao noso alumnado:
- O desenvolvemento da curiosidade.
- O desenvolvemento de competencias vinculadas á innovación.
- A busca de solucións diversas a un problema.
Segundo a UNESCO (2019), as disciplinas STEAM son a base que sustenta a Axenda 2030 e a educación neses ámbitos pode proporcionar ao alumnado os coñecementos, habilidades, actitudes e conductas necesarias para crear sociedades inclusivas e sostibles. Polo tanto, non se pode deixar fóra a nenas e mulleres xa que sería unha perda para toda a colectividade. Involucralas na educación STEAM require de respostas holísticas e integradas de alcance transversal, o cal nos levará cara a igualdade de xénero en educación e axudará a crear un mundo máis inclusivo, equitativo e sostible.