Factores que inflúen na fenda de xénero no ámbito STEM/STEAM

Tendo en conta que multitude de estudos conclúen que non existe unha diferencia destacable de capacidade entre homes e mulleres en talento STEAM, debemos buscar as causas de que as nenas e rapazas estean menos atraídas e seguras cara os ámbitos das ciencias e das tecnoloxías nos procesos de socialización e aprendizaxe.

Así, os estereotipos de xénero, a influencia social na configuración de intereses tecnolóxicos e a habilidade percibida no ámbito STEM favorece que as mulleres e nenas se sintan menos atraídas polo mundo tecnolóxico e dixital (Mateos e Gómez, 2019). Múltiples evidencias científicas constatan que existen poucas diferencias entre o cerebro de nenas e nenos en relación á educación e o aprendizaxe e non existen, ou son moi poucas, as diferencias nas capacidades cognitivas, de comunicación e de personalidade de nenos e nenas (UNESCO, 2017).

Polo tanto, unha vez descartados os factores biolóxicos, centrarémonos en catro ámbitos de influencia na fenda de xénero observada:

1.- Factores socioculturais e psicosociais:

A UNESCO (2017) sinala que o sesgo de auto-selección é a razón principal pola que as nenas deixan de optar pola educación STEM. Os estereotipos de xénero que rodean as carreiras STEM, como que os homes son mellores en matemáticas, informática ou física, emiten a mensaxe de que son dominios masculinos, afectando así ao interese, compromiso e rendemento das rapazas.

Varios estudios amosan que a desafección cara o tecnolóxico comeza na infancia e vaise cristalizando na optatividade de materias da adolescencia e no comezo da idade adulta coa elección de proxectos profesionais.

Ademais, o grao de igualdade de xénero na sociedade afecta na participación das nenas en STEM. Polo tanto, as medidas de promoción da igualdade de xénero axudarán a reverter esta situación.

2.- Factores familiares:

As familias cumpren un rol destacable na conformación do interese das nenas cara o ámbito STEAM, podendo chegar a reforzar estereotipos negativos. Hai que ter en conta que a familia é o primeiro axente socializador e, a través das súas crenzas e expectativas, inflúen nas metas ás que aspiran nenas e nenos.

3.- Factores educativos:

Como xa sabemos, o sistema educativo pode ter o poder de afectar sobre a estrutura social. E as prácticas do profesorado poden ser transformadoras ou reprodutoras da orde social. Neste sentido, xa podemos apreciar que no ámbito educativo existen diversos factores a considerar.

Por unha parte, é preciso analizar os contidos, así como as ferramentas empregadas, prestando especial atención á representación de homes e mulleres nos recursos educativos. Mateos e Gómez (2019) resaltan que nos libros da ESO unicamente un 12,8% das imaxes son de mulleres, estas só aparecen citadas un 7%, e as porcentaxes baixan aínda máis nas materias de ciencia, chegando só a 1% nos libros de tecnoloxía.

Así mesmo, cómpre prestar atención ás dinámicas de xénero na aula e na contorna escolar. Presentando un papel destacado neste sentido o propio profesorado. A UNESCO (2017) sinala que parece que ter profesoras de sexo feminino nos ámbitos STEAM outorga beneficios destacables, xa que serven como modelos de rol e axudan a desmontar os estereotipos de xénero.

Ademais, as oportunidades de experiencias da vida real como prácticas, mentorías, etc. poden tamén axudar a salvar a fenda de xénero.

4.- Factores do ámbito informal:

O xogo é unha das principais ferramentas educativas na infancia e os diferentes tipos de xoguetes poden reafirmar estereotipos ou contribuír a desenvolver capacidades e habilidades. Cada vez se intenta con maior intensidade desmantelar o marketing sexista de xoguetes que reforcen as ideas de que certas actividades ou ámbitos só específicos de cada xénero.

Outros factores do ámbito informal que poden xogar un papel destacado son os medios, as relacións entre iguais, etc.

Vostede completou o 0% da lección
0%