STEAM e xénero. Composición de lugar
A fenda de xénero
Debemos ter en conta que vivimos nun mundo tecnolóxico cada vez máis transversal e que, tal e como destacan Mateos e Gómez (2019), a relevancia da tecnoloxía nas sociedades modernas ten unha dobre vertente. Por unha parte, vivimos en sociedades que se dixitalizan a un ritmo vertixinoso, estando no que xa se coñece como a 4ª revolución industrial. E, por outra, os campos STEAM xeran un nicho de emprego e de negocio específico. Sendo tal a importancia destes campos, chama a atención que só un 30% das persoas que traballan no sector das TIC en Europa e que só o 28% das persoas dedicadas á investigación no mundo sexan mulleres.
E estas diferencias non xorden por casualidade. A fenda de xénero é unha realidade extensamente coñecida e para poder abordala e buscarlle unha solución faise preciso coñecer e analizar o contexto actual, identificando así as causas.
A diferencia entre xéneros, faise máis evidente nos primeiros anos da educación secundaria, coa chegada da especialización. E continúa de xeito imparable a medida que a idade aumenta. Por exemplo, a educación superior amosa un patrón claro de xénero onde os homes son maioría nas carreiras relacionadas coa enxeñería, construción, tecnoloxía, etc. Algúns dos datos reflectidos no Libro Blanco de las mujeres en el ámbito tecnológico (Mateos e Gómez, 2019) son clarividentes:
- A presencia das mulleres nas carreiras STEM apenas aumentou dende 1999 ata o 2017, pasando unicamente dun 33% a un 37,4%.
- En 2017, as mulleres supoñían o 53,2% das persoas graduadas universitarias, pero só o 18,6% en estudos tecnolóxicos e só o 15,6% das persoas traballadoras con perfil técnico do sector dixital.
