Condicións para titular cunha materia suspensa na avaliación extraordinaria
Para poder titular cunha materia suspensa, deberanse reunir as condicións seguintes:
a) Que o equipo docente considere que a alumna ou o alumno alcanzou as competencias e os obxectivos vinculados a este título.
b) Que non se produciu un abandono da materia por parte da alumna ou do alumno, conforme os criterios establecidos por parte dos centros no marco do disposto pola consellería con competencias en materia de educación. A Consellería de Educación establece que a asistencia as titorías lectivas é obrigatoria para o alumnado do bacharelato semipresencial, polo que consideramos abandono da materia por parte do alumno/a cando o número de faltas de asistencia sen xustificar supere o 20% para esa materia ou cando o número de faltas de asistencia xustificadas e sen xustificar a unha materia supere o 30%.
c) Que a alumna ou alumno se presentou a todas as probas e realizou todas as actividades necesarias para a súa avaliación, incluídas as da convocatoria extraordinaria.
d) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias da etapa sexa igual ou superior a cinco.
