Saltar navegación

Portafolio vital

Se un e-portafolio é un sistema dixital que permite documentar eventos ou produtos relevantes para o autor de maneira crítica e reflexiva, un e-portafolio vital fai referencia a mostras seleccionadas no contexto persoal no que se inclúen os outros ámbitos da vida que non son os enumerados nos tres apartados precedentes (académico, profesional e civil). Estamos a falar, sobre todo, dos espazos familiares e sociais en xeral —nos que ocupan un lugar importante os espazos lúdicos, en canto afeccións e intereses persoais—, que son os que completan a existencia vital e que teñen unha grande importancia nas culturas occidentais.

Este tipo de e-portafolio representa realmente unha historia significativa para a persoa que a presenta. Parécese a un diario de eventos importantes da vida (ou parte dela) que se publica á vez de maneira documentada e subxectiva. Deste xeito, podemos atopar e-portafolios temáticos que aborden un aspecto importante para un suxeito concreto ligado a intereses e afeccións persoais, como o deporte, a fotografía, as viaxes ou a familia, pero tamén é un modo de comunicar os valores persoais e de crear, de maneira secundaria, unha rede social. E tamén podemos atopar e-portafolios máis xenéricos que expliquen a traxectoria vital dunha persoa ou dun colectivo a través de datas e eventos vitais cruciais para esa persoa ou colectivo.

Os portafolios de tipo máis social impulsados por grupos de interese poderíanse considerar dentro desta tipoloxía a pesar da súa evidente idiosincrasia. Referímonos, por exemplo, aos espazos dixitais en web que se dedican a preservar a memoria colectiva sobre un feito histórico e están preparados de maneira que seguen a sistemática dun e-portafolio. Serían portafolios temáticos de contido menos formalizado ca o que se pode atopar nun centro académico ou empresarial, no que se expoñen de maneira argumentada momentos clave na historia relativa ao evento que se preserva ou conmemora.

Nos portafolios vitais ou persoais é onde se atopa máis material escrito, e neles inclúense bastantes explicacións de carácter privado ou reducido e, ás veces, inclúense datos académicos. Chegados a este punto, un pódese preguntar que diferenza existe entre un blog no que se presenta unha viaxe e un e-portafolio dedicado a este mesmo particular, por exemplo. En primeiro lugar, un e-portafolio é un concepto e pode materializarse en moi diferentes soportes dixitais, mentres que un blog tamén incorpora un concepto, pero sobre todo é un artefacto tecnolóxico que o facilita. O caso é que moitos dos e-portafolios actuais que se basean en software libre albérganse nun blog, polas prestacións informativas e comunicativas (de almacenamento e publicación da información) que estes ofrecen. Pero, en segundo lugar, xustamente o e-portafolio non ten unha vocación de coleccionista ou de narrador calígrafo de todo o que sucedeu nun período determinado, senón que incorpora un compoñente selectivo en función dun obxectivo persoal determinado e fai desa selección o seu motivo persoal. A formulación dun e-portafolio achega autoría inédita ao que xa se viviu e non se se limita a explicar obxectivamente o que sucedeu. Se o e-portafolio é de tipo reflexivo ou crítico, como o é en moitos casos, este ingrediente está presente nas presentacións das seleccións dos anacos de vida presentados.

Para consultar exemplos de e-portafolios vitais (exemplos en inglés):

Pizza Box. Bussines Portafolio Sample Wedding Photography. Licenza Youtube estandart (reutilización permitida)