Saltar navegación

Portafolio educativo

Se un e-portafolio é un sistema dixital que permite documentar eventos ou produtos relevantes para o autor de maneira crítica e reflexiva, un e-portafolio académico fai referencia a mostras de aprendizaxe seleccionadas no contexto escolar, universitario e formativo en xeral.

O portafolio académico é quizais o máis estendido dos que se presentan, polo ámbito de actuación que abarca. Escolas e universidades de numerosos países utilizan este sistema como avaliación interna e externa, local e nacionalmente (sobre todo en América do Norte e Australia, e cada vez máis en Europa).

Polas súas características de resposta a unha demanda formativa baseada na promoción, acreditación e titulación, o e-portafolio académico é un instrumento altamente formalizado en moitos casos. A institución educativa acostuma a facilitar un modelo para seguir que é homoxéneo, a través de diferentes programas de estudo, e o estudante ha de encher os campos da mellor maneira posible (student e-portfolio). O mesmo sucede se o e-portafolio que se presenta reflicte o traballo profesional dun profesor (teaching e-portfolio) nunha institución educativa. A pesar da súa formalización, o e-portafolio do estudante ou do profesor debe contar cuns mínimos de liberdade de decisión e recoméndase que estea basicamente administrado por el mesmo.

Con relación aos estudantes, os e-portafolios adoitan responder a dúas perspectivas que non se exclúen entre elas. A primeira de carácter máis puntual e a segunda máis evolutiva, o que na maior parte dos casos se corresponde a unha avaliación sumativa e formativa, respectivamente. A perspectiva de carácter máis puntual vén representada polos mellores traballos que son capaces de realizar os alumnos nun período moi determinado (normalmente, un semestre ou un curso académico). A perspectiva de carácter máis evolutivo non pon tanto a énfase na produción final dos traballos excelentes dos alumnos coma na progresión que estes seguiron e no nivel de mellora que se manifesta entre o inicio do período académico marcado e o seu final. Esta segunda perspectiva é moi importante para a percepción de logro do alumno que a miúdo non é consciente de que vai aprendendo e, deste xeito, ten unha evidencia clara da súa mellora nunha habilidade concreta. Un exemplo da primeira perspectiva máis puntual e sumativa que ten en conta o resultado de aprendizaxe sería a presentación das mellores redaccións en lingua estranxeira realizadas por alumnos ao longo dun curso de educación secundaria (logo do establecemento de criterios de valoración que teñan en conta, por exemplo, gramática básica, vocabulario implicado, sintaxe axustada, xénero discursivo e rexistro correspondente, entre outros). Un exemplo da segunda perspectiva pode ser representada por estes mesmos alumnos de educación secundaria aos que se lles pide unha tradución dun texto da lingua materna á lingua estranxeira de estudo o primeiro mes de clase e outro texto ou o mesmo ao final do trimestre ou curso. Nesta captación diferida e distribuída en dous momentos ao longo do tempo, o alumno ten elementos de progreso suficientes para evidenciar o cambio e, en concreto, o progreso que realizou nesta área curricular.

En relación cos profesores, o e-portafolio acostuma a seguir un esquema baseado nas competencias básicas e específicas que é desexable que un profesor poña en práctica. Unha parte posterior deste curso trata monograficamente deste tipo de portafolio.

Para consultar exemplos de e-portafolios académicos:

Anthony DiLauraGoogle Drive & Student Portfolios. Licenza Youtube estandart (reutilización permitida)