Portafolio profesional
Se un e-portafolio é un sistema dixital que permite documentar eventos ou produtos relevantes para o autor de maneira crítica e reflexiva, un e-portafolio profesional fai referencia a mostras seleccionadas no contexto laboral e relacionados coa profesión.
Desde o principio, distínguense diferentes tipos de e-portafolios profesionais que responden a diferentes propósitos e audiencias. Así, existe un certo consenso en distinguir e-portafolios dirixidos ao desenvolvemento profesional (professional development portfolio), á presentación do currículo (resume portfolio), á mostra de mellores traballos (showcase portfolio). Todos eles poden ser máis descritivos ou máis argumentativos e algúns poñen máis énfase no proceso (formativos), mentres outros acentúan os resultados (sumativos) (Heath, 2004; Kilbane e Milman, 2003).
De maneira máis detallada, pódese dicir que os portafolios profesionais poden responder a diferentes metas (Hartnell-Young e Morriss, 2007), o que xa explica por si só con certo detalle as súas funcións máis notables: desenvolvemento profesional, avaliación e incursión laboral.
Función I: Desenvolvemento profesional
Metas e desenvolvemento
1. Rexistro de progreso profesional - O e-portafolio úsase para rexistrar os pasos que reflicten desenvolvemento profesional, xunto coas reflexións que este proceso suscita. O rexistro inclúe as accións profesionais máis relevantes identificándoas no tempo e explicitando os resultados obtidos.
2. Fitos profesionais - Mentres o e-portafolio anterior se centra na evolución e no desenvolvemento, o e-portafolio de logros céntrase nos fitos conseguidos polo profesional sen atender ao proceso. Detállanse de maneira crítica as consecucións máis relevantes que caracterizan o traballador como experto nun ámbito laboral.
3. Planificación do desenvolvemento profesional - Algúns profesionais máis próximos á investigación utilizan o e-portafolio para definir as súas necesidades de desenvolvemento profesional en canto resultado de actividades de autoavaliación.
Función II: Avaliación
Metas e desenvolvemento
4. Admisión nun centro educativo - Algúns centros educativos, como universidades de distintos países, requiren que se complete un portafolio que achegue evidencia sobre o traballo realizado no período formativo inicial ou superior.
5. Requisito formativo - Para validar cursos profesionais en diferentes centros ou nivelar competencias adquiridas, unha maneira de mostrar o desenvolvemento complexo dunha competencia profesional e o seu logro é a presentación dun e-portafolio. Tamén algúns cursos requiren evidencias de aprendizaxe relativas a cursos previos ou relacionados.
6. Revisión, traxectoria e promoción - Nalgúns contextos profesionais pídense e-portafolios para valorar o percorrido dun traballador que serven, se é o caso, como instrumento de mellora profesional.
7. Estándares profesionais - O e-portafolio desenvólvese en vistas á certificación profesional colectiva e mesmo se usa para a inclusión nun determinado grupo de profesionais en función de mostras valiosas de traballo relacionado coa profesión. Trátase dun traballo que se ha de ir actualizando.
Función III: Laboral
Metas e desenvolvemento
8. Demanda de traballo - Cada vez máis, os e-portafolios están enfocados á procura dun lugar de traballo manifestando o que sabe facer o candidato e, á súa vez, os empregadores valoran o traballo desenvolvido e explícito que se mostra nun e-portafolio como complemento á entrevista tradicional.
9. Consulta previa - Para traballos que precisan un longo traballo, o e-portafolio pode mostrar o proceso seguido, os borradores e un primeiro resultado preliminar que sirva para contrastar se se debe seguir por ese camiño ou se ha de cambiar algunha parte, en que momento se sitúa o cambio e que supón.
10. Potencialidade dunha organización - As empresas poden expoñer mediante un e-portafolios as habilidades dos seus traballadores e da súa organización completa para llela mostrar aos seus clientes.
Para consultar exemplos de e-portafolios profesionais: