Saltar navegación

Portafolio civil/empresarial

Se un e-portafolio é un sistema dixital que permite documentar eventos ou produtos relevantes para o autor de maneira crítica e reflexiva, un e-portafolio civil fai referencia a mostras seleccionadas nun contexto de cidadanía.

Algunhas institucións públicas impulsan este tipo de e-portafolio coa finalidade de que o cidadán conteña nun espazo dixital os trámites realizados coa Administración pública, de maneira que non teña o seu historial disperso, senón que poida contar cun cartafol electrónico de almacenaxe e consulta.

Este instrumento non está moi desenvolvido aínda e no noso contexto máis inmediato está impulsado por programas de cidades dixitais. As cidades dixitais tentan reproducir na rede os servizos que se lles ofrecen aos cidadáns, de xeito que non só sirvan de consulta, senón de realización do servizo de maneira remota (adquirir unha partida de nacemento, renovar algún permiso obrigatorio, pagar as taxas municipais etc.). Desta maneira, a existencia dun e-portafolio civil desenvolve un rol de repositorio dos trámites realizados que contén os documentos importantes para o desenvolvemento dunha cidadanía responsable.

Os proxectos de cidades dixitais creados recentemente en distintas urbes do mesmo Estado español, por exemplo, conteñen casos de cartafoles e portafolios electrónicos nos que o cidadán pode acumular trámites administrativos, tarefas desenvolvidas, pertenza a comisións ou asociacións cívicas, mesmo pode conter perfís de interese rexistrados en función do que foi consultando por internet.

Incluímos aquí este tipo de e-portafolio porque ilustra perfectamente un uso reducido, pero cotián, deste termo que se centra na almacenaxe de documentos relevantes para unha persoa, neste caso. Neste tipo de e-portafolio, as vertentes crítica e reflexiva ocupan un segundo plano, se é que se ten en conta. Neste sentido, esta tipoloxía ilustra algunhas outras que, baixo o paraugas do e-portafolio, aglutinan un conxunto de accións necesarias ou produtos distinguidos que sobresaen por algún motivo. Un exemplo pode ser tamén o caso dun e-portafolio dos produtos finais que ofrece unha empresa. Neste último caso, pódese tratar da totalidade do catálogo dos seus servizos ou dunha selección, por exemplo, que normalmente vai acompañada dunha presentación das prestacións e das vantaxes de uso. Corresponderíase ao (mellor) que a entidade ten en carteira e ao que lles pode ofrecer aos seus clientes.

Para consultar exemplos de e-portafolios civís/empresariais (exemplos en inglés):

WPMU DEV. Bussines Portafolio. Licenza Youtube estandart (reutilización permitida)

N. Franklin. Bussines Portafolio Simple. Licenza Youtube estandart (reutilización permitida)

Expertvillage. Home Lighting. Licenza Youtube estandart (reutilización permitida)