3.2 Metodoloxía e didáctica
É moi importante que antes de comezar o deseño, teñas clara a metodoloxía didáctica do curso. O espazo virtual debe facilitar a asociación, interrelación e asimilación dos conceptos/procesos obxecto do curso, pero ademais, debe permitir aos participantes aprender e compartir experiencias e coñecementos co resto da comunidade virtual. Tes moitas formas de conseguir isto: tipoloxía das tarefas (colaborativas, foros de debate...), diferentes ferramentas de comunicación síncronas ou asíncronas (incluídas as redes sociais)... que facilitarán a interrelación dos/as compañeiros/as.
Ademais, a formación permitirá adaptarse ás necesidades dos participantes (glosarios, apartados para ampliar información, incorporación de gradacións e indicadores a través das rúbricas, control e seguimento da propia aprendizaxe, foros colaborativos...).
Por outro lado, o proceso de avaliación debe cubrir aspectos cuantitativos e cualitativos, unha avaliación sumativa e formativa, a través de distintos recursos que non só busquen informar ao participante sobre o progreso, senón que tamén beneficien a aprendizaxe.
Trátase en definitiva de lograr a implicación e participación dos membros involucrados no proceso de ensinanza e lograr unha aprendizaxe flexible, significativa, contextualizada e transferible ao traballo dos participantes como docentes.
Desde o punto de vista metodolóxico a formación na Rede deberá tender cara a un modelo de aprendizaxe construtivo, colaborativo, conectado e multimedia:
-
Construtivista : favorecerá na medida do posible que sexan os propios participantes os que constrúan o coñecemento, fuxindo sempre que se poida, de sistemas tradicionais de transmisión de información. Este procedemento garante unha aprendizaxe máis efectiva e sostible no tempo por estar contextualizada e requirir a implicación directa do/a participante.
-
Colaborativo : a interacción dos participantes entre si no proceso de construción e a negociación dos contidos elaborados por eles facilita a aprendizaxe, ademais de dinamizar o proceso grazas á cohesión grupal.
-
Contextualizado, significativo e transferible: é moi importante que a formación parta da realidade sociocultural e profesional do participante. A relación consciente da súa contorna inmediata coa aprendizaxe fai que esta sexa significativa e promove polo tanto a súa transferibilidade a contextos e situacións similares na práctica profesional. Con esta fin é recomendable fuxir de fórmulas e tarefas teóricas e abstractas, tendendo máis á formulación de tarefas prácticas, estudos de caso, simulacións etc. Neste sentido as actividades deberán xerar impacto na práctica docente, polo que é moi recomendable a proposta de proxectos de intervención docente na aula / no centro, de cara á avaliación de progreso e á avaliación final.
-
Multimedia e variado: os materiais utilizados deberán ser multimediais e variados na medida do posible, tirando todo o partido posible da hipertextualidade e dinamismo de Internet e evitando formatos estáticos, como os PDF
O enfoque pedagóxico e didáctico adoptará as competencias como referencia permanente. Se o curso vai dirixido á formación do profesorado galego desenvolverá as competencias e subcompetencias profesionais docentes, e se vai dirixido aos estudantes galegos polas competencias clave. Nesta liña unha competencia que deberá adquirir e consolidar o profesorado participante é a competencia para aprender a aprender por si mesmo, de xeito autónomo e sostible facéndose así responsable da súa propia formación permanente. A cabeceira do curso amosará as competencias e subcompetencias do modelo competencial galego que serán obxectivo de aprendizaxe na formación e o deseño do curso será coherente con elas formulando tarefas que avalíen os desempeños asociados ás devanditas competencias.
Ao deseñar cursos Platega convén ter presente o público ao que van destinados e ter presentes os principios da aprendizaxe de adultos. Segundo M. Knowless os adultos diferéncianse dos nenos en varios puntos:
- Aprendizaxe autónoma: Os adultos responsabilízanse de si mesmos, son alumnos autodirixidos.
- Tarefas de desenvolvemento: A aprendizaxe dos adultos baséase no desempeño de tarefas asociadas aos papeis sociais e laborais. Os adultos teñen pouca paciencia para actividades superfluas, queren que garden relación cos papeis que desempeñan.
- Centrados nos problemas: A aprendizaxe de adultos céntrase na resolución de problemas ou na elaboración de tarefas prácticas.
- Aplicación inmediata: A aplicación do coñecemento debe ser inmediata para que sexa adecuada.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0