2.3 O deseño paso a paso
Pautas para deseñar un curso
Como desenvolveremos as subcompetencias profesionais nun curso Platega?
Os cursos Platega deben ser competenciais, é dicir deseñados e creados para desenvolver as competencias profesionais docentes no profesorado galego. Neste esquema de curso competencial recóllense os pasos fundamentais. Comentámolos de seguido.
Comezar a deseñar un curso non é doado pois habitualmente son moitas as ideas que rebolen na nosa cabeza sen demasiado orde. E convén facelo con xeito para que o proceso sexa coherente, completo e que teña un rumbo evitando dar paus de cego ou pasos atrás. O deseño do curso é doado se temos claro cal é a meta á que queremos chegar. E desde esa meta final trazar os pasos que cómpre dar para chegar alí. Como estratexia para o deseño imos comezar pois polo final; pero cal é o final? Pois ben, o fin ou meta que debemos tomar como referencia é o "Impacto" que queremos reciba o alumnado do profesorado que se forme no curso, é dicir, as melloras que vai recibir o alumnado como consecuencia de que o seu profesorado realice o curso.
Tendo claro o impacto buscado no alumnado podemos albiscar as accións ou os materiais ou os cambios metodolóxicos ou... do profesorado para que o seu alumnado reciba o impacto buscado, e dicir, a "Transferencia" do aprendido no curso á súa práctica docente. Isto que debe transferirse para lograr o impacto será o proxecto final ou proxecto integrador que o profesorado debe ser quen de "saber realizar" ao rematar o curso: iso é o que temos que ensinarlle a "saber facer". Canta maior sexa a definición deste proxecto, canto máis o concretemos e maticemos máis claramente percibiremos os desempeños necesarios para realizalo. De aí que é boa estratexia comezar por definir claramente o proxecto que pretendemos desenvolvan os participantes, determinando as súas especificacións é dicir as características que debe ter.
Polo tanto o proxecto determina o que teñen que "saber facer". Pero, que significa ese saber "facer"? O significado do "facer" o determinan as subcompetencias elixidas para o curso. No deseño e construción dun curso Platega tomaremos sempre como referencia o modelo competencial da rede de formación e elixiremos dúas subcompetencias que serán o referente principal do curso. As competencias profesionais están definidas e descritas cun alto nivel de abstracción... non é posible facelo doutro xeito. Para concretar e poder abordar a súa adquisición dun xeito práctico, matizaremos e perfilaremos o enfoque que lle imos dar no curso que estamos a deseñar concretándoas mediante uns obxectivos, que chamaremos "competenciais".
Comezaremos a concretar as subcompetencias elixidas definindo uns obxectivos competenciais, é dicir, orientados a esas competencias e nos que xa se fai referencia as accións que deberán "saber realizar" (= ser competentes), aos contidos que deberán manexar... En suma un nivel de concreción maior que o das subcompetencias, pero aínda cun certo nivel de abstracción.
No seguinte paso será relativamente doado enunciar os desempeños necesarios e idear as tarefas necesarias para adquirilos e practicalos, e dese xeito lograr os obxectivos competenciais. Os desempeños mobilizan os coñecementos, destrezas e actitudes necesarios para resolver unha tarefa nun contexto determinado. Desenvolveremos os desempeños, é dicir concretarémolos nos seus aspectos constituíntes: en que tarefa/s o traballaremos, se o farán individualmente ou en grupo, que información ou documentación ou "contidos" lles aportaremos, que evidencias lles pediremos que demostren que adquiriron ese desempeño, que indicadores de logro empregaremos para determinar se está adquirido o desempeño, con que que criterios de corrección ou cualificación valoraremos esa evidencia aportada, que tipo de avaliación practicaremos, que recursos e actividades de Moodle ou doutras aplicacións mobilizaremos para traballar ese desempeño e, finalmente, que "peso" terá na cualificación final do curso. Estes "detalles" de cada desempeño non é necesario desenvolvelos linealmente no momento do deseño do curso, pois o seu desenvolvemento será reiterativo, circular, e, as veces, a golpe de imaxinación ou inspiración. Por iso, non nos debe preocupar a estas alturas do deseño desenvolver de xeito completo cada desempeño: iremos anotándoos a medida que os vexamos claros e posteriormente desenvolveremos os "detalles"
Estruturaremos o curso agrupando o conxunto de desempeños necesarios para realizar o proxecto integrador en tarefas e as tarefas. Agruparemos as tarefas en módulos, cousa que normalmente se fai pola súa temática.
As subcompetencias elixidas serán o horizonte cara o cal encamiñámosnos e o proxecto será o contexto no que actuaremos para adquirir e practicar os desempeños. Nos cursos Platega, por estar orientados ás competencias profesionais e ao "saber facer", non avaliaremos a adquisición de coñecementos ou contidos senón que avaliaremos a adquisición dos desempeños amosados nas evidencias aportadas polos participantes. Estableceremos uns indicadores de logro para cada desempeño nos que definiremos e indicaremos as características que debe amosar o traballo presentado para xulgar si a súa autora ou autor domina ese desempeño, é dicir, que "sabe facer" ---que é competente para--- executar o que pide a tarefa. Nos cursos virtuais empregaremos guías de corrección con rúbricas, por ser o xeito máis cómodo e eficaz para orientar aos participantes, para avaliar, para coordinar aos titores cando son varios e para devolverlles feedback.
Polo tanto, a elección das subcompetencias obxecto de aprendizaxe do curso é unha elección moi importante, pois condiciona o resto do proceso. O deseño dun proxecto integrador final no que contextualicen esas subcompentencias e os desempeños a elas asociados axudará enormemente a concretar e materializar as competencias profesionais que, pola súa natureza son xerais e abstractas.
Deseñar e construír un curso de acordo coas subcompetencias que queremos desenvolver nos participantes esixe adoptar unha estratexia de deseño e construción do curso intelixente e práctico. A continuación coméntanse as partes constituíntes do deseño do curso e ilústranse exemplificando os pasos iniciais dun curso para lograr a Igualdade na educación.
Impacto no alumnado
En que aspectos debe influír positivamente este curso no alumnado do profesorado participante? Que impacto (consecuencia da transferencia) debería experimentar o alumnado da participación do seu profesor ou profesora neste curso? En que prazo de tempo debería apreciarse? Describe o beneficio educativo que recibirán as alumnas e alumnos do profesorado participante neste curso.
Exemplo:
Buscamos que o alumnado reciba unha educación en igualdade, non discriminatoria. Buscamos tamén que asuman como propio o valor da Igualdade entre as persoas independentemente do seu xénero, ideoloxía, condición social...
Transferencia á aula
Que debe facer o profesorado nas súas aulas para que se produza o impacto buscado? Que accións, que recursos educativos, que metodoloxías didácticas... debe implementar o profesorado nas súas aulas para que se produza o impacto buscado? Describe brevemente as innovacións ou cambios que as persoas participantes que superen este curso deben aplicar, transferir, implementar nas súas aulas para lograr o Impacto buscado
Exemplo:
A.- Se o curso vai dirixido aos membros do equipo directivo, deberán implementar no seu centro un "Plan de convivencia", no que se establezan pautas para lograr unha igualdade efectiva no seu centro educativo... etc...
B.- Se o curso vai dirixido ao profesorado, estes deberán empregar recursos educativos, materiais didácticos, actividades, tarefas... nas súas aulas que non sexan discriminatorias, nin sexistas e mesmo promovan a concienciación en igualdade das persoas... etc...
O proxecto integrado
Da Transferencia ás aulas que debe realizar para lograr o Impacto, que vai aprender e practicar neste curso? Que produtos e/ou accións espero que os participantes sexan quen de desenvolver de xeito autónomo ao rematar o curso para que os transfiran as súas aulas? Describe os produtos, os recursos educativos, estratexias didácticas, accións... que aprenderán a realizar neste curso para que despois o podan transferir ás súas aulas e acadar o impacto esperado. Para ser quen de elaborar ese proxecto integrador deberán adquirir e exercitar uns desempeños ao realizar as tarefas polo que o proxecto será a evidencia ou proba material de ter adquiridos os desempeños. Non formules o proxecto final en formato de obxectivos (iso faise de seguido)
Exemplo:
A.- (Debe facerse unha descrición detallada dos apartados do Plan de convivencia referentes a Igualdade que deben aprender a "saber facer" os membros do equipo directivo que realicen este curso).
B.- (Debe facerse unha descrición detallada dos materiais educativos, recursos didácticos etc... sobre Igualdade que deben aprender a "saber facer" o profesorado que realice este curso).
Subcompetencias profesionais docentes
A elección das subcompetencias dotará de significado ao "facer" do "saber facer", será este o primeiro nivel de concreción. Elixir un máximo de dúas subcompetencias principais para o curso para centrarnos nelas aínda que con seguridade abordaranse outras colateralmente. Que subcompetencias contribúe a desenvolver este curso? Escolle as subcompetencias principais (dúas como máximo) que se desenvolverán a propósito do proxecto final e que se avaliarán ao rematar o curso. Este primeiro nivel de concretarase nos obxectivos competenciais. Esas dúas subcompetencias principais avaliaranse ao rematar o curso de acordo coa escala de valoración Inexistente-iniciada / En proceso / Conseguida / Exemplar
Exemplo:- Interlocutor/a e referente (forma de ser e relacionarse cos demais) - Xestión e promoción de valores e convivencia, compromiso persoal e ético.
- Membro dunha organización - Centros saudábeis e seguridade integral.
Obxectivos competenciais
Pasamos ao seguinte nivel de concreción das subcompetencias formulando varios obxectivos para o curso, concisos e claros, realistas e axustados ao tempo de duración do curso virtual. Concretaremos máis a subcompetencia que contribuirá a desenvolver o curso. Que obxectivos pretendo acadar con este curso relacionados coas subcompetencias? Exemplo:
- Adquirir os conceptos básicos relacionados coa perspectiva de xénero.
- Coñecer a lexislación que ampara o principio de igualdade.
- Facilitar a prevención e a loita contra a violencia de xénero.
Desempeños dos participantes
O nivel maior de concreción o constitúen os desempeños. Establecer que accións deberán saber realizar os participantes para ser quen de desenvolver o proxecto final, é dicir que pasos deben dar para chegar á meta? Que produto ou accións deben realizar? ou sexa que desempeños deben adquirir os participantes para desenvolver correctamente o proxecto? Deseñaremos tarefas e accións concretas para que os participantes adquiran ---no caso de non telos--- e practiquen eses desempeños. Que produto ou accións concretas deben realizar? As tarefas concretarán e describirán as evidencias aportadas polos participantes para demostrar que teñen adquirido o desempeño. No caso de que unha tarefa inclúa varios desempeños convén diferencialos en accións concretas para poder avalialos por separado, se procede, mesmo con evidencias e puntuacións diferentes, rubricando diferentes niveis de logro e con diferente ponderación en función da súa relevancia ou dificultade.Describe a temática do curso facendo referencia aos contidos que deberá ter o curso. Os desempeños adquiridos no curso desenvolveranse e practicaranse a propósito destes contidos. Que temáticas vanse abordar no curso? Cales serán os contidos do curso?Metodoloxía / Forma social do traballo
Como vou a abordar as aprendizaxes? Que estratexias didácticas vou aplicar? Que teoría da aprendizaxe vou asumir? Describe a teoría da aprendizaxe que adoptarás, o xeito como organizarás aos participantes, é dicir a forma social de traballo: individual, en grupos, en parellas, traballo cooperativo…Secuenciación / Temporalización
Describe a orde global na que se desenvolverán as actividades e contidos do curso e o tempo programado para desenvolver e avaliar cada tema. En que orde desenvolverei os temas? Canto tema asignarei a cada tema?Avaliación
Describe cando e de que maneira queres avaliar as aprendizaxes dos participantes, que ferramentas de avaliación (rúbricas, guías de corrección…) empregarás, tipo de avaliación (auto, co e heteroavaliación), etc Como vou avaliar as aprendizaxes? Que tipos de avaliación vou practicar? Que ferramentas de avaliación aplicarei?Coñecementos previos imprescindibles
Enuncia os coñecementos que debe ter un participante antes de iniciar o curso sen os cales dificilmente poderá seguir o curso, é dicir, que desempeños debe ter un participante antes de iniciar o curso? Que coñecementos imprescindibles que non se aprenden neste curso precisan os participantes?Metodoloxía de traballo dos participantes
Determinaremos como van desenvolver as tarefas os participantes, individualmente? en pequenos grupos? en gran grupo? Cooperativamente?
Información facilitada
Proporcionaremos algunha información, ligazóns a páxinas web, infografías, vídeos, etc que axude aos participantes a documentarse sobre o tema e a ampliar coñecementos. Indicaremos como transmitiremos esa información: unha ligazón, unha páxina ou un libro de Moodle, un paquete de contidos... Que información lles vou facilitar para esta tarefa? En que soporte? Que información necesitan para adquirir este desempeño? É imprescindible facilitarlla? Poden traballar colaborativamente na sua busca e procesado?Indicadores de logro
Concretaremos os "indicadores de logro", é dicir, os criterios que empregaremos para determinar se un participante adquiriu ou non ese desempeño. Empregaranse como criterios de cualificación á hora de avaliar as tarefas. Que probas ou evidencias deben aportar para demostrar que adquiriron este desempeño? Que características debe presentar as evidencias? Describiremos as características que deben ter as evidencias aportadas, as condicións que deben cumprir así como a puntuación de cada aspecto asignando puntuación diferente a cada nivel de logro, é dicir, rubricando a tarefa. Que criterios aplicarei para determinar se a evidencia aportada demostra ou non a adquisición deste desempeño? Esta descrición ten por obxecto harmonizar e homoxeneizar as correccións cando nun curso titorizan varias persoas.Avaliación dos desempeños
Concretaremos o tipo de avaliación dos desempeños: Autoavaliación? Coavaliación? Heteroavaliación? Avaliación inicial, procesual, final? Cando e como vou a avaliar? En función do tipo de avaliación que queiramos realizar elixiremos un tipo de actividade de Moodle ou outro (Proba ou test, Tarefa, Taller, etc). Para a avaliación de cada tarefa crearemos unha guía de corrección ad hoc na que se rubricará na medida do posible os niveis de logro.Recursos e actividades de Moodle
Indicaremos os recursos e actividades de Moodle empregados nesa tarefa. Que recursos e actividades de Moodle vou empregar? En función do tipo de tarefa empregaremos uns ou outros recursos e actividades adaptándonos ás necesidades de cada caso. Que recursos e actividades de Moodle preciso?Cualificación das tarefas
Unha vez deseñadas todos os desempeños do curso e agrupados en tarefas, determinaremos a puntuación ou peso de cada unha delas na puntuación final do curso. Que porcentaxe aporta cada tarefa á cualificación final?En "Exemplo de deseño e creación dun curso" atoparás un exemplo completo do desenvolvemento dun curso Platega: o seu deseño e o curso desenvolto de acordo con ese deseño. Así mesmo, tamén atoparás un documento de texto preparado coa táboa necesaria para facer o deseño e guiado por cuestións.
A elaboración do deseño dun curso adoita ser circular, é dicir ir desenvolvendo os seus apartados sen seguir unha orde determinada comezando polo primeiro da lista e rematando polo último. Antes ben, pódese ir anotando en cada apartado as ideas que pouco a pouco van aparecendo en madurando. Unha estratexia bastante práctica é comezar pola descrición detallada do proxecto final e a partir dela os desempeños necesarios para acadar ese proxecto final, os contidos a propósito dos cales se adquirirán eses desempeños, as tarefas que deberán realizar para practicar eses desempeños, os indicadores de logro que se empregarán para determinar a adquisición do desempeño, etc... Canto máis detallado estea o proxecto final con maior claridade veremos o resto.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0