2.2 Transmisivo? Instrumental? Competencial?
Os cursos de formación na rede adoitan ser dun destes tipos: Transmisivos, Instrumentais ou Competenciais.
A estratexia para o deseño e construción do curso non consiste en elaborar uns contidos, facilitalos aos participantes para que os coñezan, asimilen, traballen... e que finalmente respondan unha serie de preguntas ou realicen algún tipo de acción ou tarefa. Nesta caso estaríamos ante un curso "transmisivo" consistente en transmitir información xa elaborada, que deben comprender ou asimilar para realizar tarefas como redactar unhas conclusións, elaborar un produto, responder preguntas, etc. Primeiro os contidos ---que son os protagonistas--- e despois as actividades, subordinadas e dependentes dos contidos. O profesorado sae deste tipo de cursos sendo máis "sabio"
Algúns cursos teñen por obxectivo central ensinar o manexo dunha aplicación que comeza mesmo desde a súa instalación, os seus menús, utilidades, funcionalidades etc... durante o curso manéxase esa aplicación para familiarizarse con ela e manexala. Os "contidos" adoitan ser manuais da aplicación e as tarefas consistirán en exercitar aos participantes no uso e, en moitas ocasións, enviar como evidencia do manexo unha captura de pantallas con determinada operación realizada correctamente. Estes son os cursos que estamos a chamar "instrumentais". En moitas ocasións o curso non vai máis alá do manexo da aplicación, sen amosar nin ensinar posibles usos didácticos desa aplicación. Neste caso o curso tamén incrementará a sabedoría do profesorado, pois agora "sabe" manexar unha aplicación.
Outro tipo de curso son aqueles que buscan incrementar a competencia profesional do profesorado, é dicir, que "saiba facer" máis cousas; neste caso non é unicamente "saber", senón "saber facer" e por elo son cursos "competenciais". Este tipo de cursos fan das tarefas o seu núcleo: o central é que os participantes aprendan a "facer" e propoñen tarefas para practicar; para desenvolver as tarefas facilitan uns "contidos" que, como se aprecia, teñen un papel secundario, subordinado á tarefa. Pero, cal é o significado dese "facer"? Pois ben, ese significado o determinarán as subcompetencias elixidas para o curso. Chamaremos "desempeño" ás accións que o participante aprende a facer practicándoo e documentándose; nas entregas das tarefas deberá aportar unha "evidencia" ou traballo que demostre que adquiriu ese desempeño. A titoría avaliará o nivel de logro deses desempeños aplicando uns "indicadores de logro" ou características ou propiedades que deberá amosar o traballo entregado para determinar se se adquiriu o desempeño. Este cualifícase aplicando uns "criterios de corrección" previamente establecidos e coñecidos por todos, participantes incluídos, que miden o nivel de logro adquirido mediante escalas numéricas habitualmente, pois esrtas permiten ponderar comodamente o diferente peso que deben ter os desempeños segundo a súa relevancia, dificultade... Organízanse os desempeños e tarefas contextualizándoos nun proxecto final ou integrador do aprendido. Se no proxecto final propoñemos crear algún tipo de produto ou conxunto de accións que os participantes poidan empregar nas súas aulas estamos a facilitar enormemente a "transferencia" da competencia adquirida ás aulas e isto "impactará" positivamente no alumnado, beneficiándose deste xeito da formación do seu profesorado.
A estratexia implícita nos pasos descritos máis arriba é diferente da dos cursos instrumentais ou transmisivos, resumamos: Pensa, en primeiro lugar, no impacto que queres reciba o alumnado do profesorado participante no curso. En segundo lugar, pensa no que debe realizar o profesorado para lograr ese impacto, a iso denominámolo transferencia porque vaino aprender no curso para despois implementalo na súas aulas. A descrición detallada diso que lle imos ensinar a "saber facer" será o proxecto final. Darémoslle significado ao "facer" elixindo unhas subcompetenias profesionais para desenvolvelas a propósito dun proxecto final que deben aprender a realizar e que desglosamos en desempeños ou accións concretas que deben saber realizar. Crearemos unhas tarefas para practicar eses desempeños e sempre que sexa posible promocionaremos o traballo cooperativo e social. A titoría avaliará a adquisición, ou non, do desempeño a partir das evidencias aportadas nas tarefas aplicando os indicadores de logro cualificados ou medidos (puntuados) cunha escala ad hoc. Nas tarefas devolveremos os comentarios ou feedback necesario en cada caso para orientar, axudar e mesmo motivar ao participante. Facilitaremos información para que os participantes inicien a súa busca de información en Internet ou amplíen a súa información.
Este pode ser o esquema para o deseño do curso a partir do Impacto que queremos reciba o alumnado do profesorado que realice o curso:

Repárese que o obxectivo non é transmitir información senón, antes ben, propóñense diferentes tarefas encamiñadas a adquirir e practicar o "saber facer" que queremos ensinar, é dicir, desenvolver a competencia profesional a propósito da realización dun traballo ou proxecto final. Esta idea é moi interesante para trazar unha estratexia á hora de comezar a deseñar o curso. Vexamos. Podemos poñer no eixo do curso ben os contidos ou ben as tarefas; esta elección é crucial pois dependendo do que elixamos acabaremos creando un curso transmisivo (centrado nos contidos) ou competencial (centrado na adquisición de desempeños):
- Se a nosa estratexia é deseñar e crear o noso curso a partir dos contidos, dos "materiais", aínda que busquemos os contidos máis novidosos, innovadores, actuais, dixitais... corremos un serio risco de acabar creando un curso "transmisivo" consistente en engadir un conxunto de actividades e tarefas sobre eses contidos e materiais. O eixo desta estratexia e dese curso serán os contidos, a información transmitida: conseguiremos que os participantes "saiban" máis cousas, pero isto non garante nin que o transfiran á súa aula nin que, en consecuencia, impacte no alumnado. Teñamos presente que buscamos formar para ter un profesorado máis "competente", non, aínda que tamén, un profesorado máis "sabio"
- Se a nosa estratexia é deseñar e crear o curso a partir da actividades e tarefas que van realizar os participantes, centrándonos no que van aprender a "saber facer", elixindo e seleccionando a información, contidos, materiais, recursos... que lles facilitaremos para aprender a "saber facer". O eixo desta estratexia serán as tarefas e os "contidos" serán secundarios, subordinados ás tarefas. O papel protagonista o terán os "desempeños", as accións que o participante aprenderá a desenvolver nun contexto determinado mobilizando os seus coñecementos, destrezas e actitudes. Lograremos profesoras e profesores con maior "competencia profesional docente"... este é o obxectivo.
Como vemos, partir dos contidos ou das tarefas vai condicionar o tipo de cursos que creemos. Ollo polo tanto ao aspecto polo que comecemos a deseñar e crear o curso. No seguinte apartado comentamos a estratexia ou pasos para deseñar un curso.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0