«Ravachol, se collo a vara!»
Introdución
Nesta unidade falamos do Entroido, interpretando unha canción con apoio dos IPAI, PC e instrumentos de construción propia, sobre letras en relación a este centro de interese (ou ben creadas polo alumnado) recollidas en cancioneiros. Ademais, afondamos no coñecemento dos «Coros Galegos» a través do pioneiro deles, Aires da Terra, e as figuras que o rodearon (Perfecto Feijóo, Víctor Mercadillo, o loro Ravachol); coñeceremos a Sociedade de Folk-Lore Gallego e os seus integrantes principais (Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, José Pérez Ballesteros e Antonio Machado y Álvarez).
Unha das actividades desta UDI, en relación coa Educación Plástica, consiste en construír un instrumento musical. Para iso, achegamos información sobre eles a través dos exemplos dos gaiteiros, e recuperadores de instrumentos, Xavier Blanco e Pablo Carpintero.

Ligazón ao pdf desta UDI 6
Obxectivos
Nesta UDI contribuiremos á consecución dos seguintes obxectivos, establecidos no DECRETO 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Coñecer e apreciar os valores e as normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con elas, prepararse para o exercicio activo da cidadanía e respectar os dereitos humanos, así como o pluralismo propio dunha sociedade democrática.
b) Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e de responsabilidade no estudo, así como actitudes de confianza en si mesmo/a, sentido crítico, iniciativa persoal, curiosidade, interese e creatividade na aprendizaxe, e espírito emprendedor.
d) Coñecer, comprender e respectar as diferentes culturas e as diferenzas entre as persoas, a igualdade de dereitos e oportunidades de homes e mulleres e a non discriminación de persoas con discapacidade nin por outros motivos.
e) Coñecer e utilizar de xeito apropiado a lingua galega e a lingua castelá, e desenvolver hábitos de lectura en ambas as linguas.
h) Coñecer os aspectos fundamentais das ciencias da natureza, as ciencias sociais, a xeografía, a historia e a cultura, con especial atención aos relacionados e vinculados con Galicia.
i) Iniciarse na utilización, para a aprendizaxe, das tecnoloxías da información e da comunicación, desenvolvendo un espírito crítico ante as mensaxes que reciben e elaboran.
j) Utilizar diferentes representacións e expresións artísticas e iniciarse na construción de propostas visuais e audiovisuais.
o) Coñecer, apreciar e valorar as singularidades culturais, lingüísticas, físicas e sociais de Galicia, poñendo de relevancia as mulleres e homes que realizaron achegas importantes á cultura e á sociedade galegas.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 3.0